Amosando 1807 resultados

Rexistro de autoridade

Asociación Hijos del Ayuntamiento de Maside

  • AE-AR-HMas
  • Entidade colectiva
  • 1915-05-16, na actualidade non existe pero non coñecemos a data da súa disolución

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello de Maside e residentes en Bos Aires. Un dos seus promotores e primeiro presidente foi Cándido Fernández. Foi creada con fins mutualistas e de axuda ao seu concello natal na medida das súas posibilidades.
Xa en 1924 os seus socios aprobaron a adquisición dun terreo en Maside co obxeto de que comenzasen os traballos para construír unha escola graduada; pero no ano seguinte, por problemas internos, aproban nunha asambleia a súa disolución e que os fondos sociais fosen doados ao seu concello natal para realizar melloras no seu pobo.
No ano 1928 aparece a noticia en varios xornais da refundación desta entidade e comézase a construción en Maside do primeiro pavillón-escola, financiado dende Arxentina.
En febreiro de 1934 fusiónase coa sociedade "Centro Cultural y Recreativo Masidense" e en outubro de 1935 nomea un delegado ante a "Comisión Pro-unión de los residentes del Partido de Carballino" para tratar unha posible fusión de todas as sociedades de emigrantes naturais deste partido xudicial, que fructificará en 1936 coa fundación dunha nova entidade co mesmo nome, integrada ademais pola "Sociedad del Distrito de Carballino", "Residentes de Lobanes y sus contornos" e o "Círculo Daconés".
Tras o estalido da guerra civil española, é unha das sociedades galegas que envían varias remesas de roupa e produtos alimentarios para os defensores da república española.
En 1959 publican a revista "Maside" como voceiro social.

Juventud de Viana, Trives y Valdeorras, asociación cultural, social y recreativa

  • AE-AR-JVia
  • Entidade colectiva
  • 1954-01-02 ata a actualidade

Esta asociación de emigrantes galegos foi fundada co obxectivo de agrupar aos veciños de Pobra de Trives, Viana do Bolo e Barco de Valdeorras, residentes en Arxentina. A súa finalidade principal segundo os seus estatutos é propender á maior vinculación dos galegos entre sí e cos arxentinos e realizar actos culturais e recreativos á maneira da súa terra natal.
A súa directiva fundacional estaba integrada por: Arsenio Rodríguez, como presidente; vicepresidente, Cayetano Castro; secretario, Carlos García Arias; prosecretario, Antonio Martínez; secretario de actas, José Domínguez; tesoureiro, Enrique Rodríguez; protesoureiro, Benigno Laneiro; contador, Justo Alonso; arquiveiro, Adelino Do Campo e os vogais: Ricardo Ciudad, Bonifacio Alonso, Juan Fernández, Guillermo Prieto, Isaac Blanco, Dativo Pérez e Aurelio Estévez.
Entre as súas actividades pódese citar: celebración de festas e banquetes con motivo do seu aniversario, festas de nadal, festa de Santiago e organización de torneos de naipes. Tamén xestiona actividades culturais como reunións de lectura e proxección de videos.

Asociación Residentes de Mos, de mutualidad, cultura y recreo

  • AE-AR-Rmos
  • Entidade colectiva
  • 1918-02-23 ata a actualidade.

Esta sociedade instrutiva foi creada en Bos Aires baixo o nome de "Hijos del Ayuntamiento de Mos", polos emigrantes naturais do concello de Mos nesta cidade. Entre os fundadores pódese citar a Antonio Alonso, presidente fundacional, Claudio Comesaña, José Represas e Teodoro Seijo.
O obxectivo principal cando foi creada era construír e soster escolas no seu concello natal; contemplan ademais financiar a repatriación dos socios enfermos e necesitados, otorgar empréstimos aos socios e axudalos na procura dun traballo se o necesitasen.
En 1918 comeza a editar unha revista anual, na que se recolle a memoria e balance social con carácter anual; e en 1931 publica o boletín social "La Voz de Mos".
En 1924 realiza as primeiras xestións para construír unha escola na parroquia de Tameiga, que foi inaugurada en decembro de 1928. Este edificio constaba dunha escola mixta de nenas e varóns con capacidade para 120 alumnos, e unha vivenda para os mestres.
O 13 de decembro de 1950 aproba os primeiros estatutos sociais, tras unha profunda crise da entidade que estivo a punto de desaparecer. Consideran que son herdeiros do legado dos fundadores da entidade e pasan a denominarse "Asociación Residentes de Mos, de Mutualidad, Cultura y Recreo".
Na actualidade organizan diversas actividades recreativas e conmemorativas como o Día de Galicia ou o aniversario social. Tamén conta cun grupo de baile galego que actúa nas diversas festas e celebracións da colectividade.

Asociación Unión del Partido Judicial de Órdenes

  • AE-AR-UOrd
  • Entidade colectiva
  • 1922 ata a actualidade

No ano 1918 fundouse na cidade bonaerense a primeira sociedade do partido de Ordes co nome de "Pro-Escuelas Laicas" pero, como non tivo moito eco entre os seus paisanos despois de catro anos de loita, imperou a idea de crear unha nova entidade coa denominación de "partido xudicial". En abril de 1922 xorde á vida societaria a "Sociedad de Residentes del Partido Judicial de Ordenes", que foi fundada polo patrocinio da "Federación de Sociedades Agrarias y Culturales de la Provincia de la Coruña".
Aínda que non abandonou a súa loita pola instrución na terra natal, centrouse máis nas actividades de axuda mutua e recreativas para manter a unión entre os socios.
No ano 1944 produciuse a fusión de todas as sociedades que crearan os emigrantes ordenses residentes en Bos Aires e mantívose a denominación da máis antiga, que é a que pervive na actualidade.

Asociación Unión Residentes de Outes

  • AE-AR-UOu
  • Entidade colectiva
  • 1910-12-04 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes do concello de Outes, con fins mutualistas e instrutivos.
A súa directiva fundacional estaba integrada como por José Caamaño, como presidente; vicepresidente, Manuel Suárez; secretario, Ramón Hermida; tesoureiro, Mariano Conde e vogais: Miguel Gómez, Manuel Vilariño, Miguel Cernadas, Angel Cantariño, Domingo Barreiro, A. Caamaño, Domingo Pazos, A. del Río, Domingo Lestón, M. Rodríguez, José Lestón e Manuel Barreiro.
Anos máis tarde noméase socio honorario da entidade, polo seu destacado labor durante máis de 59 anos, traballando en pro da asociación, a Pedro García. Foi un dos máis firmes promotores da construción pola entidade, dunha escola na parroquia de Cruceiro de Roo, que hoxe leva o nome de "Grupo Escolar Emilio de Navasgües".
No ano 1923, entre as súas actividades culturais organizan un festival conmemorando o 45º aniversario da morte de poeta galego, Francisco Añón, natural de Ordes. Co produto da festa, instálase unha placa conmemorativa na casa onde nacera o poeta, no lugar de Boel, parroquia de San Pedro de Outes, e reedítase un libro coa súa obra poética.
Actualmente rixen os estatutos sociais renovados no ano 1990, no que aparecen como fins da entidade a axuda mutua e protección entre os socios, ademais da organización de actividades culturais e recreativas: celebran o Día das Letras Galegas, o Día da Patria Galega, o aniversario fundacional da entidade, un xantar de fin de ano e o Día do Patrono de Outes, San Pedro. Organizan bailes, comidas, conferencias e excursións para fomentar o lecer e confraternidade entre os asociados.

Centro Arzuano Mellidense

  • ES GA 15078 ACCG
  • Entidade colectiva
  • 1935-01-19 ata a actualidade

Esta entidade cultural e recreativa foi creada o 19 de xaneiro de 1935 polos emigrantes naturais dos concellos veciños de Arzúa e Melide, residentes na capital arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Manuel Pampín (primeiro presidente social), Jesús Rey Vázquez, Socorro Lareo e Dionisio Doamo.
Nos seus estatutos sociais recollen as finalidades sociais: Manter a unión de todos os socios da entidade, fomentando lazos de fraternidade entre os fillos do partido de Arzúa residentes na Arxentina; crear un fondo social de reserva destinado a adquirir casa propia; organizar actos culturais e recreativos, prestando especial atención ás festas tradicionais do Carmen e de San Roque; crear unha biblioteca e un salón de lectura e difundir a arte musical e escénica.
Actualmente organizan actividades festivas e recreativas como a celebración das Festas do Carmen de Arzúa e de San Roque de Melide, unha Cea anual, Festas do Nadal e de fin de ano. Conta cun grupo de teatro arxentino formado por 30 compoñentes, chamado "Fernando Iglesias "Tacholas" e un grupo de zarzuela e coral. Organizan numerosos cursos de baile e danzas galegas.

Ateneo Curros Enríquez

  • AE-AR-ATCur
  • Entidade colectiva
  • 1931-04-14. Non coñecemos cando queda disolta.

Esta entidade é en realidade a sección cultural da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. Foi creada en 1931 para xestionar e planificar todas as actividades culturais levadas a cabo por esta federación e polas sociedades que a integran.
Nos anos 50 crea unha biblioteca federal como centro de cultura para todos os socios federados, iniciando unha labor cultural cos seguintes puntos: "1º- lectura comentada con debates; 2º- cursos de preparación e formación para os socios; 3º- empréstimos de libros a domicilio; 4º- organizar conferencias sobre temas científicos e literarios".
Tamén crea unha escola de teatro para a colectividade emigrada.
Todos os anos conmemora o Día de Galicia, lembrando aos mártires galegos, e organizando un ciclo de conferencias, funcións de teatro, torneos deportivos etc.

Banco de Galicia y Buenos Aires

  • AE-AR-BGBA
  • Entidade colectiva
  • 1905. Non existe na actualidade

Entidade financieira que foi fundada por un grupo de empresarios de orixe galega para atraer os aforros dos emigrantes galegos que vivían e traballaban na Arxentina. Tamén, como non, aos aforradores e inversores nativos do país.
Teñen sucursais nas principais cidades americanas e mesmo en Galicia.

Banco Español del Río de la Plata

  • AE-AR-BEsp
  • Entidade colectiva
  • 1886. Non existe na actualidade.

Esta entidade financieira foi fundada por un colectivo de banqueiros e comerciantes españois instalados no Río da Prata (Arxentina, principalmente, pero tamén Uruguai) e que intentaban atraer os aforros dos milleiros de galegos e españois emigrantes en América.
En moitos casos participou activamente en numerosos actos e proxectos da colectividade para recaudar cartos en pro dos máis necesitados.

Casa de Tuy

  • AE-AR-CaTui
  • Entidade colectiva
  • 1917-05-20 ata 1976

Esta entidade foi fundada por un grupo de emigrantes naturais do concello de Tui e residentes na capital arxentina, capitaneados por Manuel Gregares Pérez e José Sanmartín, nomeado primeiro presidente da nova sociedade.
Nos seus Estatutos sociais recóllense as finalidades desta sociedade mutualista e recreativa: estreitar os vínculos de fraternidade entre os tudenses radicados en Bos Aires e propender á unidade de todos os fillos do concello de Tui, para procurar a mellora da súa situación; crear un fogar para o inmigrante recén chegado e para os asociados sen traballo; soster camas no hospital de Tui e crear escolas de artes e oficios no mesmo lugar; facilitar cartos para as pasaxes de chamada; socorrer en metálico aos enfermos necesitados e repatriar aos considerados como inútiles para o traballo.
No ano 1976 fusiónase coa sociedade "Centro Protección Agrícola del Distrito de Salceda". A estas entidades engadíronse as sociedades de emigrantes de Chantada, Caldelas e Becerreá, creando unha nova sociedade chamada "Casa de Tui-Salceda", que segue a funcionar na actualidade.

Centro Ayuntamiento de Guitiriz - Villa de Parga y su comarca

  • AE-AR-CGui
  • Entidade colectiva
  • 1924-12-06 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes lucenses naturais do concello de Guitiriz residentes na capital arxentina. Foi fundada co nome de "Sociedad del Ayuntamiento de Trasparga", título que levou ata agosto de 1933, momento no que nunha asemblea xeral extraordinaria aprobouse o cambio de denominación, no que aparecerían as dúas vilas máis importantes do concello "Centro Ayuntamiento Guitiriz - Villa Parga"; este cambio fíxose para evitar confusións con outra entidade similar, existente en Bos Aires e tamén para satisfacer a numerosos socios que o consideraban máis apropiado.
Os fundadores da sociedade eran orixinarios de varias parroquias do concello (as parroquias de San Breixo de Parga, Santa Locaia de Parga e San Estevo de Parga). A súa finalidade principal era a creación de escolas nas citadas parroquias, ademais de crear un nexo de relación e apoio mutuo entre a numerosa colonia residente en Bos Aires.
Logran acadar fondos para construír un colexio de primeira ensinanza en San Breixo de Parga e dotalo de mestre (por conta do Estado); ademais de financiar a compra de mobles e útiles necesarios para o seu funcionamento.
Nos Estatutos de 1934 cambian de obxectivos, e se converten nunha entidade de mutualidad, cultura e recreo: "Mutualidad: todo socio que cuenta más de seis meses de antigüedad, hallándose enfermo y carente de recursos, tendrá derecho a una ayuda; esta será en la forma siguiente: el primer mes 30 pesos diarios; si la enfermedad continuara, la ayuda quedará librada al criterio de la Comisión, la que podrá aumentarla o disminuirla, según la gravedad del caso.
Repatriación: el socio que hallándose enfermo y con más de un año de antigüedad como tal, y los facultativos le recomiendan regresar a Galicia, la sociedad lo repatriará por su cuenta y le entregará 100 pesetas en efectivo
Fallecimiento: en caso de fallecimiento de un socio con más de seis meses de antigüedad, la sociedad sugrafará los gastos del entierro y servicio fúnebre hasta la cantidad de 150 pesos m/n. En el caso de que éste fuese hecho por cuenta de la familia, le será entregada dicha suma a la misma.
Cultura: este centro fomentará la cultura entre sus socios, creando bibliotecas y organizando actos de arte y cultura, especialmente gallega.
En Galicia, Escuelas: fomentar en nuestro municipio la instrucción primaria y velar para que ésta sea de carácter neutro y gratuita. Crear escuelas en cualquier punto que carezca de ella. Trabajar para que en nuestra comarca sea creado un centro de enseñanza agrícola-ganadera y mantener relaciones con los maestros que sobresalgan en la educación de la infancia.
Acción Regional: apoyar moral y materialmente la autonomía de Galicia, para que ésta, libre de tutelas extrañas, sea gobernada democráticamente por y para el pueblo. Con este fin mantendremos relaciones con todas las organizaciones de izquierda, las únicas que defienden este ideal en nuestro municipio.
Recreo: este centro organizará veladas y fiestas campestres periódicamente, con el fin de estrechar relaciones entre las familias y sus relaciones.
Nuestras relaciones con las sociedades hermanas: cuando la comisión directiva lo considere necesario, este centro podrá fusionarse con una o más sociedades gallegas; fomentar y subvencionar publicaciones, tanto aquí como en Galicia, pero no podrá adquirir compromisos que lo aparten de los fines para que fue creado".

Centro Bergondo y sus contornos

  • AE-AR-CBer
  • Entidade colectiva
  • 1929

En 1924 os emigrantes naturais de Bergondo que residían en Nova York fundan unha sociedade instrutiva co obxecto de construír no seu pobo natal un centro escolar que axudara á xuventude a prepararse para o camiño "tenebroso" da emigración, ao que, segundo eles, a maioría dos seus veciños estaban destinados.
No ano 1929, baixo o patrocinio da sociedade de Nova York, xúntanse os veciños residentes en Bos Aires e fundan esta entidade tamén cos mesmos fins.
A entidade arxentina achegará algunhas doazóns para facer realidade o sono dos emigrantes bergondenses en Estados Unidos. O 12 de xullo de 1936 inaugúrase un edificio escolar no lugar da Senra. Aos poucos días estala o conflito da guerra civil e o edificio foi expropiado e ocupado primeiro polo exército e despois pola SEU.
Desparecida esta entidade, a súa homónima americana, que nunca renunciara á súa titularidade, inicia en 1969 unha campaña, nos medios de comunicación e ante os organismos estatais, para recuperar o seu patrimonio. Despois de trinta anos de xestións infrutuosas, ceden a súa titularidade ao concello de Bergondo co compromiso de levar a cabo a súa reconstrución e de convertelo nun centro sociocultural a beneficio da vila de Bergondo. Finalmente, o edificio volve ser inaugurado o 28 de abril de 2007 como centro sociocultural.

Centro Betanzos

  • AE-AR-CBet
  • Entidade colectiva
  • 1905-12-10 ata a actualidade

Xa a fins do século XIX moitos dos betanceiros residentes en Bos Aires reuníanse na zona do vello Palermo para celebrar as festas patronais de San Roque. Estes encontros impulsaron a necesidade de encauzar por medio dunha institución a solidariedade cara aos paisanos que quedaban na súa terra ou aos que emigraban cara estas terras totalmente desprotexidos. A súa fundación oficial data do 10 de decembro de 1905 e xa nos seus estatutos recollen como fin primordial estreitar os lazos de unión entre todos os nativos de Betanzos e o seu partido xudicial que residían na Arxentina, así como manter relacións de amizade coas sociedades galegas en Galicia e fóra dela.
Entre os seus obxectivos destacan ademais fomentar a axuda entre os socios, sexa proporcionando traballo ou outra ocupación, de acordo ás actividades de cada un e prestar toda axuda material e moral; atender, amparar, defender e repatriar aos betanceiros necesidos, cos recursos do centro; celebrar veladas literario-musicais, reunións sociais deportivas, festas campestres e toda clase de xogos lícitos, para a expansión dos socios e das súas familias; contribuír á maior cultura e instrución dos asociados, organizando conferencias instrutivas, creando unha biblioteca e salas de lectura de publicacións rexionais, nacionais e extranxeiras.
O seu lema foi "Por Betanzos, a cultura e a solidariedade entre os seus fillos".
Pouco despois da súa fundación comeza a editar unha revista social, titulada "Betanzos", cunha tirada de 11.000 exemplares e que aínda hoxe se segue a publicar. Tamén publica outras revistas como "Nueva Historia", editada pola subcomisión xuvenil do centro e colabora con outras institucións para a edición de "Nueva Galicia"; así como numerosos folletos e memorias sociais.
Esta entidade estivo tradicionalmente moi vinculada coas ideas de esquerdas e amosou sempre o seu apoio a IIª República española e ao nacionalismo galego, vinculándose a ela persoeiros destacados como Castelao (presidente honorario), Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde, Andrés Beade Dopico, Osvaldo Dans Varela, etc.
En 1950 crea un grupo de baile e danza "César Quiroga", formado por 22 bailaríns e un corpo de gaitas "Sementeira" e en 1952 forman a coral "Os Rumorosos" e un conxunto de gaiteiros "Betanzos", que actuou con grande éxito nas festas da colectividade deses anos. No ano 1975 comeza a funcionar unha escola de danzas.
Moitas das súas actividades recreativas e culturais están centradas na celebración das súas festas de agosto, creando no ano 1970 a Iª Semana de Betanzos en Buenos Aires, con exposición de pinturas, mostras do libro galego, festivais folclóricos e a edición dun xornal.

Centro Galicia de Buenos Aires

  • AE-AR-CGal
  • Entidade colectiva
  • 1979-07-25 ata a actualidade.

Este centro xurde tras a fusión do "Centro Lucense", "Centro Orensano", "Centro Coruñés" e "Centro Pontevedrés". No mes de decembro de 1978, reuníronse na sede do "Centro Lucense" representantes do "Centro Orensano" e da "Asociación Gallega de Buenos Aires", para eleborar un proxecto de creación dunha nova institución con basamento nas catro entidades provinciais galegas de maior arraigo na cidade. O seu obxectivo principal que os unía era preservar para o futuro da comunidade galega os patrimonios físicos, humanos e culturais que posuía cada entidade. Cabe dicir que "Asociación Gallega" era unha nacente entidade, formada polos "Centro Coruñés" e "Pontevedrés", aínda que sempre aparecen estas entidades como co-fundadoras do Centro Galicia de Buenos Aires.
Despois de varios meses de deliberacións aproban oficialmente a fusión o 25 de xullo de 1979, sendo Darío Lamazares, primeiro presidente e impulsor da fusión dos diversos centros.
A Comisión plenaria pro-fusión estaba integrada polos seguintes directivos: presidente, Darío Lamazares (Centro Lucense); vicepresidente, Antonio Gómez (Centro Orensano); secretario, Luis A. Fontoira (Asociación Gallega); prosecretario, Vicente Velasco (Asociación Gallega); secretario de Actas, Benito Fernández Cid (Centro Orensano); prosecretario de actas, Arturo Naval (Centro Orensano); vogais: Alvaro Campos Alonso (Asociación Gallega), José Caneda (Asociación Gallega), Gabriel López Penelo (Centro Lucense), José López Pin (Centro Lucense), Manuel Martínez Lamela (Centro Lucense), José Mª Vila Alen (Centro Lucense), Reinaldo Pelayo Soto (Centro Orensano), Rafael Gil Malvido (Centro Orensano) e Antonio Rodiño (Asociación Gallega).
A cuestión do nome da nova entidade foi un novo problema; nun primeiro momento se decidira chamala "Club Gallego de Buenos Aires, cultural, social e deportivo", pero finalmente a comisión plenaria aprobou por unanimidade a denominación de Centro Galicia.
Nos seus primeiros Estatutos (1980) aparecen especificados os seus fins: "a) propiciar e facilitar o coñecemento da historia, costumes e cultura da República, difundir os principios da súa constitución, manter e acrecentar o seu sano patriotismo e amor á nacionalidade e o respecto polas institucións que a rexen; b) contribuír ao estudo, coñecemento e difusión da historia, da cultura e dos costumes de Galicia e dos demais elementos esenciais que fan a vida do seu pobo, espiritual e etnicamente diferenciado; c) crear e soster un centro de estudos que na súa amplitude abrangue a maior cantidade de disciplinas e actividades desde a etapa infantil ata alcanzar o nivel universitario, impulsando o estudio de todo o que teña que ver co mellor coñecemento de Galicia, en todos os seus aspectos dentro do contexto do acervo cultural e espiritual dos pobos ibéricos; d) realizar actos culturais, artísticos, recreativos e de calquera outra índole para o logros dos fins mencionados; e) crear unha biblioteca, editar unha publicación periódica informativa e de divulgación cultural; f) manter permanentemente vivo o recordo dos costumes e tradicións que forman parte do acervo cultural da Arxentina e de Galicia, cultivandoas e facéndoas coñecer a traves de conxuntos folclóricos e costumbristas; g) fomentar o turismo ao interior e exterior do país, organizando todo tipo de excursións; h) crear e manter un departamento deportivo, para que contribuíse ao melloramento físico e espiritual, realizar concursos e torneos, dende xogos de salón ata os da actividade ao aire libre, sen carácter profesional; i) outorgar premios, acordar bolsas nos diferentes aspectos que contempla o seu facer xeral; k) dispoñer a súa axuda, orientación ou consello aos galegos emigrantes, propender a que se integren dentro do seo da nosa colectividade e procurar que se adapten ao medio social arxentino no que deberán actuar e convivir; l) xestionar e facilitar o ingreso a este centro das entidades galegas que sexan solidarias cos seus principios e persigan os mesmos fins".
Esta asociación celebra habitualmente as festividades tradicionais galegas ademais de numerosos actos culturais como ciclos de conferencias, representacións teatrais, exposicións, concertos, seminarios e cursos. Conta ademais cunha escola de baile folclórico gallego e español, e de música, gaita e guitarra. Ten un coro integrado polos seus socios denominado "Rosalía de Castro".
Teñen tamén grande importancia as actividades deportivo-recreativas pois defenden "o uso do deporte como vehículo de integración e unión de todos os galegos" cun destacado labor educativo con escolas de tenis, patin-show, bowling, natación, baloncesto, balonbolea, futbol, bolo celta, ioga, etc. Organiza colonias de vacacións durante o verán para os nenos de 4 a 14 anos no seu campo deportivo "Los Olivos".
A comisión de cultura da entidade colabora coa emisión de diversos programas de radio para promocionar Galicia e a súa cultura: "Recorrendo España" en Radio Splendid; "Galicia Hoxe" en Radio Colonia; "La Oreja" en Radio Ribadavia; "La Voz Española" en Radio Argentina. Radio interna "Pentagrama informativo".
Edita a revista "Mundo Gallego" como órgano de información da sociedade, cunha tirada de 25.000 exemplares de distribución gratuíta cada dous meses; e unha guía de actividades do centro, mensual, con información xeral para todos os socios.

Centro Gallego de Buenos Aires

  • AE-AR-CGBA
  • Entidade colectiva
  • 1907-05-02 ata a actualidade

Esta institución foi creada por un grupo de emigrantes galegos co fin primordial de brindar protección médica e social aos seus coterráneos. Tras unha homenaxe feita en honor ao finado compositor Pascual Veiga na cidade de Bos Aires o 31 de outubro de 1906, a prensa da colectividade lanza a idea de fundar un centro similar ao da Habana ou Madrid, para que axudase a todos os galegos necesitados da Arxentina. Uns días despois o "Centro Vigués" lidera esa proposta e coa axuda do "Orfeón Coruñés", "Orfeón Mindoniense" e "Orfeón Gallego Primitivo", apróbase a creación dun "Centro Gallego". Encabezada por Antonio Varela Gómez e Julio de la Cuesta, créase unha comisión que o 21 de xullo aproba os primeiros estatutos da nova entidade, con sede nun pequeno local alugado, sito na rúa Estados Unidos, no que se instala un consultorio médico e onde se impartían clases nocturnas de alfabetización.
No ano 1911 acometeu a reforma dos estatutos, quedando dende entonces implantada a mutualidade; con este cambio nos fins sociais aumenta de maneira considerable o número de socios. Conxuntamente estabelece os servizos fúnebres, de asesoramento xurídico e a farmacia social. O crecemento da entidade levou a buscar un edificio maior e en 1917 mercan por subscrición popular dos socios, un edificio na avenida Belgrano, un palacete que aínda hoxe é a súa sede social.
O 9 de decembro de 1933 manifesta publicamente o seu apoio á autonomía galega, apoio que reitera en xuño de 1936: "... teniendo en cuenta que la Autonomía de Galicia no es un asunto político, sino eminentemente patriótico; consecuente con la posición fijada al respecto y fiel al precepto estatutario que dispone: "secundar eficazmente toda acción progresista que se inicie en bien de Galicia".
No ano 1969, crea o "Instituto Argentino de Cultura Gallega", a través do cal se realiza unha intensa actividade coa publicación de libros que en Galicia estaban prohibidos, organización de conferencias e diversos actos a prol da lingua e da cultura galegas.
Na actualidade esta institución con máis de 30.000 asociados pasa por unha grave crise económica, debido tanto a precariedade da economía arxentina como a mala xestión dos fondos da entidade. A grande maioría dos seus socios son xente de avanzada idade, que precisan atención médica constante e que coas súas cotas (moitas das cales non poden pagar) non poden manter as actividades sanitarias, primordiais na actualidade. As axudas das institucións galegas como a Xunta só serven para paliar o grave déficit do centro e parecen non poder salvar a institución da endémica situación de crise que vive dende os anos 90 do pasado século.

Centro Gallego de Jubilados y Pensionados de la República Argentina

  • AE-AR-CGJub
  • Entidade colectiva
  • 1992-03-18 ata a actualidade

Esta asociación foi creada por emigrantes galegos cunha finalidade eminentemente asistencial para os connaturais de maior idade que poidesen precisar de axudas económicas ou médicas.
Entre os seus fundadores destacan Ramón Valcarce (primeiro presidente social), Perfecto Marcote, Beatriz Ferreira, Manuel Gerpe, Florentino Brión, Ana M. Espada, Blas Pin, Ernestina Estévez, Guillermina Espada, Francisco Marcote, Ramón Domínguez, Victor Insua, Juan Lires, Delmira Pereira, Carmen Castro e Francisco Canosa.
Segundo os seus Estatutos a súa finalidade é agrupar a jubilados e pensionados para propender a millora na súa calidade de vida. Entre as súas actividades destaca a axuda asistencial aos galegos xubilados que non teñen recursos, e dar información e asesoramento sobre todo tipo de trámites relacionados coas axudas e pensións que conceden o goberno español e a Xunta de Galicia.
Tamén realizan diversas actividades culturais e recreativas coa celebración de dous bailes anuais, encontros de camaradería, "con usos e costumes galegos".

Centro partido de Carballino

  • AE-AR-CPCar
  • Entidade colectiva
  • 1918-09-23 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada en Olivos (partido de Vicente López, Bos Aires) por un grupo de emigrantes naturais do partido xudicial de Carballiño residentes na Arxentina. Foi dende a súa fundación unha sociedade cultural e recreativa.
Os seus obxectivos están recollidos nos seus estatutos (1957): estreitar os lazos de unión entre arxentinos e nativos do partido de Carballiño; fomentar o amor á terra dos seus maiores entre os descendentes de nativos do partido de Carballiño como entre todos os españois ou arxentinos; soster relacións de amizade e camaradería coas asociacións afins; propender á unión entre os seus asociados e que se presten axuda recíproca e colaboración; fomentar os hábitos de estudio e o san recreo en bibliotecas, festas e conferencias; contribuír co maior entusiasmo ao progreso e avance da familia carballinesa, axudando e secundando toda iniciativa para a súa mellor realización; orientar ao emigrante nativo do Carballiño á súa chegada a esta República.
Para organizar as súas festas e reunións conta cun recreo social da súa propiedade en Bartolomé Cruz, con capacidade para máis de 700 persoas. En 1988 inaugura na súa sede social a biblioteca "Francisco Luis Bernárdez". Nesta sede conta cun cruceiro e un cabaceiro, como promoción e símbolo da cultura galega.
Organiza varias festas anuais como unha moi recoñecida a beneficio do Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar. Celebra ademais diversos actos sociais e culturais como o Día das Letras Galegas, o Día de Santiago Apóstol, o aniversario da entidade, a festa do polvo e unha reunión mensual de todos os socios.
Publica como voceiro social O Aranteiro.

Centro recreativo del partido de Becerreá

  • AE-AR-CPBe
  • Entidade colectiva
  • 1927. Non existe na actualidade.

Sociedade de emigrantes naturais do concello lucense de Becerreá residentes na capital arxentina. Dende a súa fundación o ano 1927, teñen como fin primordial manter a unión entre os seus conveciños, organizando diversas actividades recreativas para reunirse e axudarse mutuamente.

Centro republicano español

  • AE-AR-CREs
  • Entidade colectiva
  • 1904

Sociedade que defendía dende Bos Aires os intereses dos exiliados republicanos españois, primeiro da Iª República, e tras o estalido da guerra civil española (1936), dos exiliados que chegaban á Arxentina.
Estaba integrada polas asociacións de emigrantes que defendían á república e os seus ideais e loitaban contra o franquismo. Non só apoiaban aos que chegaban fuxindo da guerra senón que tamén enviaban cartos e medicamentos as zonas que estaban no bando republicano.
Como voceiro social publicaban o xornal "España Republicana".

Resultados 121 a 140 de 1807