Amosando 1807 resultados

Rexistro de autoridade

Asociación Galega da Muller Vigo

  • Entidade colectiva
  • 1976-1983?

Primeiros pasos en 1975, como Asociación Galega da Muller desde 1976. Integrada na Coordinadora Feminista de Vigo e na Coordinadora Feminista Galega desde os inicios de ambas coordinadoras. Participa na creación de Andaina e ten presenza na primeira época desta revista.

VÍNCULOS CON OUTRAS ORGANIZACIÓNS

  • Integrada en: Coordinadora Feminista de Vigo, Coordinadora Feminista Galega, Coordinadora de Organizacións Feministas do Estado Español.

  • Organizacións que apoian as súas actividades: Asociación Galega da Muller

Asociación gallega del Perú

  • AE-PE-AGa
  • Entidade colectiva
  • 1993-09-24. Sabemos da súa existencia no ano 2000. Non existe na actualidade

Este centro foi creado por un pequeno grupo de galegos, membros do Centro Español de Perú, para manter unidos aos galegos e os seus descendentes residentes no país andino.
A iniciativa partiu dun histórico desta colectividade, Francisco Vázquez Candamo, que se constituiría no seu primeiro presidente e poucos meses despois pasou a ser Presidente Honorario. A directiva fundacional estaba tamén integrada por: vicepresidente, Mª del Carmen López de Leturia; secretario, José Luis López Acuña e tesoureiro, Germán Torres.
Esta entidade está fortemente vinculada ao Centro Español, de feito aparece como "sección autonómica del Centro Español".
Nos seus estatutos renovados (1997) especifican os seus obxectivos e finalidades: "difundir e fomentar a vixencia das tradicións e os valores da cultura galega a través das súas diferentes manifestacións; fomentar e propiciar a unión e solidariedade entre os seus asociados; manter relacións permanentes coas autonomías rexionais españolas no Perú, o Centro Diurno, o Centro Español de Perú, etc."
Trátase dunha sociedade recreativa, defensora da cultura e tradicións galegas no país andino.
En 1994 comeza a editar o boletín societario "Nosas Follas".
Entre as súas actividades están a organización de conferencias, visionado de películas, recitais de poesía, etc. Asistencia como organismo na Feria Internacional del Libro de Lima. Dende 1996, organiza coa axuda da Xunta cursos de galego para os socios. Celebra a Semana Gallega en Perú, con mostras gastronómicas, talleres de creación literaria, etc., tamén colabora na creación dun curso de galego na Universidade limeña de San Marcos. Celebra o Día de Santiago, a Festa de San Xoán, o Nadal, etc. con comidas e bailes para os socios.Promociona tamén actividades deportivas, como a creación dun equipo de voleibol e de baloncesto integrado polos socios. En canto a actividades asistenciais, xestiona a concesión de axudas económicas para os socios máis necesitados, así como colabora con asilos coa recolleita de roupa e víveres para donalos aos máis necesitados.

Asociación Hijos de Zas

  • AE-AR-HZas
  • Entidade colectiva
  • 1923-02-01 ata a actualidade

Esta sociedade integrada polos emigrantes naturais do concello de Zas, residentes na Arxentina, foi creada con fins mutualistas, para dar axudas económicas aos máis necesitados ou asistencia médica e tamén manter a cultura galega.
A súa directiva fundacional estivo formada por Francisco Miranda, como presidente; vicepresidente, José Mourelle; secretario, Manuel Mouro; tesoureiro, Ovidio Esmorís; e como vogais: José Mª Mouro, Constantino Amigo, Ramón Moreira, José Blanco Silva, Francisco Ferreiro, Manuel Mourelle, José Espasandín, Alejandro Ríos, Francisco Rojo, Francisco Mallón, Manuel Espasandín e Francisco Pose.
Nos anos 50 cambia as súas prioridades e pasa a ser unha asociación con fins recreativos e culturais recollidos no Artigo 1 dos seus Estatutos: "a) Servir de vínculo entre los residentes de Zas en la Argentina; b) ser instrumento de sociabilidad y cultura entre todas las personas que compartan su obra; c) fomentar la beneficencia, de acuerdo con las posibilidades de la asociación; d) organizar actos recreativos, culturales y deportivos".
Conta con sede social propia na rúa Suárez da capital bonaerense, inaugurada en 1997, onde se reúnen todos os socios e veciños: contan con salón de festas, sala de reunión, buffet e biblioteca. Ademais dispón dun campo recreativo en Quilmes, onde celebra as súas festas e demáis actividades recreativas como bailes, banquetes, etc.

Asociación Hijos del Ayuntamiento de Maside

  • AE-AR-HMas
  • Entidade colectiva
  • 1915-05-16, na actualidade non existe pero non coñecemos a data da súa disolución

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello de Maside e residentes en Bos Aires. Un dos seus promotores e primeiro presidente foi Cándido Fernández. Foi creada con fins mutualistas e de axuda ao seu concello natal na medida das súas posibilidades.
Xa en 1924 os seus socios aprobaron a adquisición dun terreo en Maside co obxeto de que comenzasen os traballos para construír unha escola graduada; pero no ano seguinte, por problemas internos, aproban nunha asambleia a súa disolución e que os fondos sociais fosen doados ao seu concello natal para realizar melloras no seu pobo.
No ano 1928 aparece a noticia en varios xornais da refundación desta entidade e comézase a construción en Maside do primeiro pavillón-escola, financiado dende Arxentina.
En febreiro de 1934 fusiónase coa sociedade "Centro Cultural y Recreativo Masidense" e en outubro de 1935 nomea un delegado ante a "Comisión Pro-unión de los residentes del Partido de Carballino" para tratar unha posible fusión de todas as sociedades de emigrantes naturais deste partido xudicial, que fructificará en 1936 coa fundación dunha nova entidade co mesmo nome, integrada ademais pola "Sociedad del Distrito de Carballino", "Residentes de Lobanes y sus contornos" e o "Círculo Daconés".
Tras o estalido da guerra civil española, é unha das sociedades galegas que envían varias remesas de roupa e produtos alimentarios para os defensores da república española.
En 1959 publican a revista "Maside" como voceiro social.

Asociación hijos del ayuntamiento de Puerto del Son

  • AE-UR-HAPSon
  • Entidade colectiva
  • 1919-05-02 ata a actualidade

Esta entidade foi creada en Villa del Cerro (barrio de Montevideo) por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello coruñés de Porto do Son, residentes na capital uruguaia. Foi creado con finalidades instrutivas e recreativas, aínda que primaron as segundas, aínda que non esqueceron a axuda mutua entre os socios e benéficas en casos de necesidade ou catástrofes na súa terra natal (como axudas para as vítimas de naufraxios, etc.)
Nos seus estatutos que datan de 1930 aparecen como finalidades as seguintes: “Art. 2 - Su objeto es: Tratar de unir a todos los nacidos y a aquellos que se hallen vinculados por lazos familiares a los nativos de dicho ayuntamiento para ayudarse mutuamente, siendo ésta la base fundamental: la mutua protección, teniendo como fines secundarios la instrucción y el recreo.
Art. 3 - Haciendo efectiva su finalidad de mutua protección, esta asociación ayudará pecuniariamente a los socios en los casos de enfermedad o fallecimiento, no pudiendo gastar más de treinta pesos como maximun de lso fondos sociales
Art. 4 - Como instructiva, creará una escuela diurna y nosturna cuando los fondos sociales lo permitan, en el radio donde esté instalado el local social; como recreativa, organizará bailes y veladas y otras fiestas de carácter social, para lo cual propenderá a la formación de un cuedro filo-dramático de aficionados entre sus asociados
Art. 5 - En caso de fallecimiento de un socio que no tuviere deudos en el país, este será velado en el local social, y la Comisión Directiva, estará obligada a correr con los trámites correspondientes hasta darle sepultura, no pudiendo disponer para el efeco con más recursos que los que establece el artículo 3
Art. 6 - Sus principales fines son:
a) proteger a todo el que emigre del ayuntamiento antedicho, facilitándole datos con respecto al trabajo o proporcionárselo si fuera posible
b) cooperar a su bienestar en todo lo que sea posible, siempre que su conducta y buen comportamiento lo hagan acreedor a ello”(…).
Os seus estatutos foron reformados no ano 38, potenciando a axuda mutua entre os asociados. Actualmente priman as actividades recreativas e culturais.
No ano 1925 merca unha casa que converte na súa sede social, situada en Villa del Cerro, barrio industrial no que traballan e viven a maioría dos seus socios. Consta de dous salóns, un na planta baixa, provisto de cantina, cociña e un amplio “parrillero” onde se preparan as comidas dos numerosos banquetes que organiza a sociedade. Na planta alta conta cun espacioso salón de festas. Posúe unha grande e surtida biblioteca.
Ademais de organizar festas (celebración do día da Virxe do Carme, Día das letras Galegas ou o Día de Galicia) con bailes e banquetes, excursións e romarías, os socios practican tamén diversos deportes, organizando unha "Volta Ciclista al Cerro". Conta cunha agrupación folclórica "Aires de Porto do Son" e un corpo de baile "Airiños do Son", integrados polos socios e que actúan nos diversos actos da colectividade galega no país.
Durante varios anos editou un "Boletín Social Informativo", con carácter trimestral e gratuíto.

Asociación iniciadora y protectora de la Real Academia Gallega

  • AE-CU-ARAG
  • Entidade colectiva
  • 1905-06-27. Non existe na actualidade

Creada o 27 de xuño de 1905 na cidade da Habana, por iniciativa de José Fontenla, quen preside a Comisión Xestora que estaba formada ademáis por: Ángel Barros, Juan J. Domínguez, Miguel Bendamio, José López Pérez, Adelardo Novo, Félix Pérez Choza, José Abeleira, José Barros Agra, José Fontenla, José Cerdeira, José Margharide, José A. Fernández, José María Candia, Enrique Mañan, Agustín Montoto, Ramón Sánchez, Juan Castro, Joaquín Galindo, Alfredo Nan de Allariz, José Castro Chané, Antonio Villaamil, Atanasio Escalante, Juan Martínez e Leopoldo Pita.
Esta sociedade constitúe o precedente histórico da Real Academia Gallega. Coñeceuse tamén polo nome de "Asociación Iniciadora y Protectora de la Gran Academia Gallega" e como tal o seu fin era crear unha "Academia Gallega", que se encargara da defensa da língua e a cultura galegas. Con este fin póñense en contacto intelectuais galegos para aúnar esforzos.
O obxectivo vese cumprido o 4 de setembro de 1905 cando tras ese contacto os intelectuais Manuel Murguía, Andrés Martínez Salazar e José Pérez Ballesteros constitúen a ansiada Academia na cidade da Coruña.
Como Presidente de Honra nomearon a Manuel Curros Enríquez e entre os Académicos residentes na Habana atopábanse: Alvaro de la Iglesia; Alfredo Nan de Allariz, presidente do Centro Gallego e director de "Galicia"; Mercedes Vieto Bouza, Ramón García Mon, Laureano Rodríguez, Angel Barros, José Mª. Arrarte, José López Pérez, José F. Fuentes, Plácido Lugris, Aniceto Valdivia, José Fontenla e Adelardo Novo.
Tras a fundación da RAG en Galicia, terán como finalidade o mantemento económico da mesma, así como a axuda a intelectuais necesitados. Esta sociedade tivo delegacións nas cidades de Cienfuegos, Santa Clara, Guantánamo e Bayamó.
No ano 1920, á morte de José Fontenla, o seu fundador, a sociedade envía á cidade da Coruña a súa biblioteca por doazón testamentaria á Biblioteca da Real Academia Galega.

Asociación mutualista Residentes de Vigo

  • AE-AR-RVig
  • Entidade colectiva
  • 1918-10-12 ata a actualidade.

Esta sociedade de emigrantes naturais dos antigos concellos de Vigo e Lavadores, residentes en Bos Aires, foi fundada baixo a denominación de "Unión Residentes de los Ayuntamientos de Vigo y Lavadores en Buenos Aires", con fins mutualistas e de defensa da instrucción na súa terra natal. En 1951 pasou a denominarse Asociación mutualista Residentes de Vigo en Buenos Aires, nome co que se coñece na actualidade.
As súas finalidades están recollidas nos seus primeiros estatutos sociais (1918): fomentar a cultura entre os asociados e os seus familiares; crear ata onde os seus recursos o permitan axuda mutual entre os seus asociados; tratar de vincular dentro do posible aos residentes de Vigo en Bos Aires e demais xurisdicións da República Arxentina; organizar festas, funcións e toda clase de actos para un maior esparcimento e solaz entre os asociados; instalar no seu local social unha biblioteca o máis completa posible á que terán acceso todos os asociados; procurar aos seus socios canto medio de entretemento sexa posible en consonancia ós bos costumes; ofrecer aos asociados e familiares plans de turismo propios, realizar contratos con aquelas farmacias ubicadas donde a densidade demográfica dos socios sexa máis alta, obtendo rebaixas sobre as mediciñas que éstes necesiten; brindar asistencia médica aos socios a través dos profesionais contratados pola institución; dar asesoramento xurídico e notarial aos asociados mediante convenios a realizar con profesionais desas especialidades; en caso de morte do socio, esta sociedade abonará os gastos do enterro.
En 1965 a entidade merca a súa actual sede social na rúa Quintino Bocayuva: trátase dun edificio de dúas plantas, con vivenda, oficiñas, sala de reunións e salón de actos, salón de xogos, un gran patio onde está plantado un olivo, símbolo da cidade de Vigo. Conta cunha biblioteca, un gran salón de actos e un espazo onde se instalou unha taberna, usada polos socios como centro social e de esparcimento. Ten tamén un campo de recreo campestre en Punta Chica, onde se organizan festas e banquetes campestres.
Ata 1992 editaban un voceiro social para informar aos socios.
Organizan numerosas festas e banquetes con motivo de celebrar o Día da Reconquista de Vigo, o Día Mundial da Muller, Día de San Juan, etc. como unha maneira de vinculación entre os vigueses e os seus descendentes residentes na capital arxentina; realizan tamén ctividades deportivas e estivo adherida ao programa de radio "Argentina y España, su gente y su música".
Os socios continúan desfrutando dun servizo médico propio e dunha asesoría para consultas gratuítas de tipo xurídico (trámite de pensións a xubilados, asuntos civís, comerciais etc.). Organizan actos sociais na Taberna social, con cenas e banquetes.
Contaban cunha Masa coral integrada polos socios que actúan nas diversas festas da colectividade e coopera de xeito desinteresando apoiando económicamente ao "Hogar Gallego de Ancianos" de Domselaar.

Asociación protectora de la cultura gallega de Montevideo

  • AE-UR-APCG
  • Entidade colectiva
  • 1928. Non existe na actualidade

Esta asociación cultural foi creada por un grupo de galegos residentes no Uruguai, liderados por Jaime L. Lorenza. A súa finalidade principal era axudar economicamente ao desenvolvemento da cultura galega. Desexaban protexer a cultura da súa terra, pois consideraban que só por medio do máis alto coñecemento cultural, se podería capacitar ao pobo galego para o seu total desenvolvemento económico e político. Envían diversas doazóns aos centros culturais do país.
Na súa fundación colaboraron entidades xa existentes en Uruguai como o "Centro Gallego de Montevideo", que lles deu un gran apoio para lograr os seus obxectivos.
Seguidores do labor realizado polo “Seminario de Estudios Gallegos” e da “Real Academia Galega”, difunden a súa obra tanto en Galicia como en América.
A sú primeira directiva estaba integrada por destacados persoeiros da colectividade: presidente, Jaime L. Lorenza; vicepresidente, Carlos Sánchez Mosquera; secretario, Julio Sigüenza; vicesecretario, Miguel Barros Castro; tesoureiro, Juan José San Román; protesoureiro, Casiano Estévez; e como vogais: Conrado Soler, Ernesto Castro e Juan Deus Prados.
En 1929 comeza editar como voceiro da entidade o boletín "Arazúa".

Asociación Residentes de Mos, de mutualidad, cultura y recreo

  • AE-AR-Rmos
  • Entidade colectiva
  • 1918-02-23 ata a actualidade.

Esta sociedade instrutiva foi creada en Bos Aires baixo o nome de "Hijos del Ayuntamiento de Mos", polos emigrantes naturais do concello de Mos nesta cidade. Entre os fundadores pódese citar a Antonio Alonso, presidente fundacional, Claudio Comesaña, José Represas e Teodoro Seijo.
O obxectivo principal cando foi creada era construír e soster escolas no seu concello natal; contemplan ademais financiar a repatriación dos socios enfermos e necesitados, otorgar empréstimos aos socios e axudalos na procura dun traballo se o necesitasen.
En 1918 comeza a editar unha revista anual, na que se recolle a memoria e balance social con carácter anual; e en 1931 publica o boletín social "La Voz de Mos".
En 1924 realiza as primeiras xestións para construír unha escola na parroquia de Tameiga, que foi inaugurada en decembro de 1928. Este edificio constaba dunha escola mixta de nenas e varóns con capacidade para 120 alumnos, e unha vivenda para os mestres.
O 13 de decembro de 1950 aproba os primeiros estatutos sociais, tras unha profunda crise da entidade que estivo a punto de desaparecer. Consideran que son herdeiros do legado dos fundadores da entidade e pasan a denominarse "Asociación Residentes de Mos, de Mutualidad, Cultura y Recreo".
Na actualidade organizan diversas actividades recreativas e conmemorativas como o Día de Galicia ou o aniversario social. Tamén conta cun grupo de baile galego que actúa nas diversas festas e celebracións da colectividade.

Asociación Residentes del Distrito de Rodeiro

  • AE-AR-RRod
  • Entidade colectiva
  • 1921-05-01 ata a actualidade

Esta entidade foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes residentes na cidade e naturais do concello pontevedrés de Rodeiro. Foi creada con fins de axuda mutua para os socios e para organizar actividades recreativas.
No ano 1924, un grupo dos seus socios, naturais da parroquia de San Xiao de Pedroso, organizan unha subscrición popular para conseguir cartos cos que construír unha escola na súa parroquia natal, apoiados totalmente pola directiva da entidade. Non temos constancia de que finalmente fose construída.

Asociación Unión del Partido Judicial de Órdenes

  • AE-AR-UOrd
  • Entidade colectiva
  • 1922 ata a actualidade

No ano 1918 fundouse na cidade bonaerense a primeira sociedade do partido de Ordes co nome de "Pro-Escuelas Laicas" pero, como non tivo moito eco entre os seus paisanos despois de catro anos de loita, imperou a idea de crear unha nova entidade coa denominación de "partido xudicial". En abril de 1922 xorde á vida societaria a "Sociedad de Residentes del Partido Judicial de Ordenes", que foi fundada polo patrocinio da "Federación de Sociedades Agrarias y Culturales de la Provincia de la Coruña".
Aínda que non abandonou a súa loita pola instrución na terra natal, centrouse máis nas actividades de axuda mutua e recreativas para manter a unión entre os socios.
No ano 1944 produciuse a fusión de todas as sociedades que crearan os emigrantes ordenses residentes en Bos Aires e mantívose a denominación da máis antiga, que é a que pervive na actualidade.

Asociación Unión Residentes de Outes

  • AE-AR-UOu
  • Entidade colectiva
  • 1910-12-04 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes do concello de Outes, con fins mutualistas e instrutivos.
A súa directiva fundacional estaba integrada como por José Caamaño, como presidente; vicepresidente, Manuel Suárez; secretario, Ramón Hermida; tesoureiro, Mariano Conde e vogais: Miguel Gómez, Manuel Vilariño, Miguel Cernadas, Angel Cantariño, Domingo Barreiro, A. Caamaño, Domingo Pazos, A. del Río, Domingo Lestón, M. Rodríguez, José Lestón e Manuel Barreiro.
Anos máis tarde noméase socio honorario da entidade, polo seu destacado labor durante máis de 59 anos, traballando en pro da asociación, a Pedro García. Foi un dos máis firmes promotores da construción pola entidade, dunha escola na parroquia de Cruceiro de Roo, que hoxe leva o nome de "Grupo Escolar Emilio de Navasgües".
No ano 1923, entre as súas actividades culturais organizan un festival conmemorando o 45º aniversario da morte de poeta galego, Francisco Añón, natural de Ordes. Co produto da festa, instálase unha placa conmemorativa na casa onde nacera o poeta, no lugar de Boel, parroquia de San Pedro de Outes, e reedítase un libro coa súa obra poética.
Actualmente rixen os estatutos sociais renovados no ano 1990, no que aparecen como fins da entidade a axuda mutua e protección entre os socios, ademais da organización de actividades culturais e recreativas: celebran o Día das Letras Galegas, o Día da Patria Galega, o aniversario fundacional da entidade, un xantar de fin de ano e o Día do Patrono de Outes, San Pedro. Organizan bailes, comidas, conferencias e excursións para fomentar o lecer e confraternidade entre os asociados.

Resultados 161 a 180 de 1807