Showing 540 results

Authority record
Corporate body

Real Academia Galega

  • RAG
  • Corporate body
  • 30/09/1906-

O 30 de setembro de 1906 inaugurase oficialmente, no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, a Real Academia Galega, que xa fora constituída o 4 de setembro de 1905. No acto conflúen os dous vieiros principais do galeguismo naquela altura. O primeiro deles, agrupado arredor de Manuel Murguía, representa a continuidade do programa do Rexurdimento e do Rexionalismo, mentres que o segundo proviña da vizosa comunidade de emigrantes galegos en Cuba onde naceu, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. A Asociación Iniciadora foi a principal fornecedora das remesas precisas para acometer os gastos da fundación e sostemento da Academia e tivo por obxecto, segundo o seu propio regulamento: "darlle unidade ao idioma galego mediante a publicación dunha gramática e un dicionario". A figura senlleira do litógrafo de orixe ferrolá, Xosé Fontenla Leal, apadriñado polo prestixio intelectual de Curros Enríquez, foi fundamental na organización e bo resultado deste proxecto.
Os anos de Murguía, 1906-1923:
Baixo o gran prestixio persoal e intelectual de Manuel Murguía, a Academia vive a súa idade de ouro. Dá comezo unha intensa actividade organizando numerosos actos culturais e celebrando frecuentes plenarios por todo o País. É agora tamén cando se acordan as bases para a elaboración do dicionario que empeza a ser publicado por entregas entre 1912 e 1928, ou se conseguen ampliar as dependencias da Academia grazas ao seu traslado ata o edificio do Concello en María Pita. Pero, sobre todo, neste período encétase a publicación do Boletín da Real Academia Galega, do que se chegaron a editar 149 números en vida de Murguía. Coa súa morte o 1 de febreiro de 1923, aos noventa anos, o primeiro Presidente deixa como legado unha Academia forte, ben organizada e cun camiño ante si rigorosamente trazado.
Entre Murguía e a República, 1923-1936
Nesta segunda etapa, ocupan sucesivamente a presidencia Andrés Martínez Salazar (1923), Francisco Ponte Blanco (1923-1926), Eladio Rodríguez González (1926-1934) e Manuel Lugrís Freire (1934-1935). A inesperada e precoz morte do prestixioso investigador e editor Martínez Salazar, considerado o herdeiro natural de Murguía, supón un importante revés para a Academia, agravado pola suspensión das remesas procedentes de Cuba e a instauración da ditadura de Primo de Rivera. Aínda así, a incorporación de importantes persoeiros da nova xeración galeguista, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao e Antón Villar Ponte, xunto coa axuda económica chegada da recentemente constituída Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega de Bos Aires, semellaba augurar un espléndido porvir para a nosa institución tronzado, traxicamente, polos sucesos de 1936.
Os anos escuros, 1942-1977:
Tras a Guerra Civil, a Academia entra nun estado de semiclandestinidade, moi próximo ao da súa desaparición definitiva. Sometendo a silencio, exilio ou morte á parte máis consciente do galeguismo republicano, o réxime franquista só tolera unha continuidade simbólica e testemuñal da Academia, que non volve constituírse formalmente ata o ano 1943, so a presidencia de Manuel Casás. Malia todo, a entrada na Academia de intelectuais procedentes do chamado "Grupo Galaxia" daralle un novo pulo á institución. Así, por iniciativa de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo dá comezo en 1963, durante a presidencia de Sebastián Martínez-Risco, a celebración do Día das Letras Galegas. Desta maneira, e coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, inaugúrase a conmemoración máis importante da nosa cultura e de maior repercusión social.
Na democracia, 1977-1997:
Da longa presidencia de Domingo García-Sabell podemos destacar diversos feitos de importancia histórica, como o Acordo Ortográfico de 1982, o recoñecemento á RAG na Lei de Normalización Lingüística, a creación do Seminario de Lexicografía -no seo do cal se elaboraría o primeiro dicionario monolingüe da RAG- ou, máis tarde, do Seminario de Sociolingüística, que se encargaría da realización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, entre outras achegas. É tamén neste tempo, en 1978, cando se completa o traslado da Academia desde as dependencias municipais ata a súa actual sede no número 11 da rúa Tabernas.
Cara á actualidade:
Os catro anos de presidencia de Francisco Fernández del Riego, entre 1997 e o 2001, supuxeron unha apertura sen precedentes na historia da Academia. Durante este período, ingresaron na institución intelectuais de prestixio procedentes dos diversos ámbitos culturais ou científicos, mais, sobre todo, renovouse a vontade de servizo ao País e de participación nos debates do seu tempo. Xa na presidencia de Xosé Ramón Barreiro, proseguiuse a liña de diálogo e asunción de responsabilidades marcada polo seu predecesor. O resultado deste compromiso concretouse en feitos como o Acordo Ortográfico de 2003. Unha vontade de compromiso e implicación na defensa da lingua e cultura de Galicia que pretende ser o constante propósito da Real Academia Galega para o século que comeza.

Centro Arzuano Mellidense

  • ES GA 15078 ACCG
  • Corporate body
  • 1935-01-19 ata a actualidade

Esta entidade cultural e recreativa foi creada o 19 de xaneiro de 1935 polos emigrantes naturais dos concellos veciños de Arzúa e Melide, residentes na capital arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Manuel Pampín (primeiro presidente social), Jesús Rey Vázquez, Socorro Lareo e Dionisio Doamo.
Nos seus estatutos sociais recollen as finalidades sociais: Manter a unión de todos os socios da entidade, fomentando lazos de fraternidade entre os fillos do partido de Arzúa residentes na Arxentina; crear un fondo social de reserva destinado a adquirir casa propia; organizar actos culturais e recreativos, prestando especial atención ás festas tradicionais do Carmen e de San Roque; crear unha biblioteca e un salón de lectura e difundir a arte musical e escénica.
Actualmente organizan actividades festivas e recreativas como a celebración das Festas do Carmen de Arzúa e de San Roque de Melide, unha Cea anual, Festas do Nadal e de fin de ano. Conta cun grupo de teatro arxentino formado por 30 compoñentes, chamado "Fernando Iglesias "Tacholas" e un grupo de zarzuela e coral. Organizan numerosos cursos de baile e danzas galegas.

Agrupación Cultural Auriense

  • AUR
  • Corporate body
  • Ourense, 1967

A Agrupación Cultural Auriense organízase en Ourense, no ano 1967, contando coa xente que se reunía no Café Miño e o estudantado de Maxisterio do Café Coralín. A súa primeira sede localizábase na rúa Curros Enríquez, logo asentarías na praza do Correxedor, 17, onde hoxe ten actividade o Café Cultural Auriense. O primeiro presidente da agrupación foi o xurista Nemesio Barxa Álvarez e como presidente de honra, Ramón Otero Pedrayo. Nos primeiros anos, a actividade xirou ao redor da organización de actos e semanas culturais, así como cursos de galego e a publicación do Boletín da Auriense. Nos últimos tempos celebrou actividades que reflicten o seu compromiso coa dignificación cultural de Galicia, como a recuperación e participación en festas e tradicionais populares, campañas de normalización lingüística, concursos literarios, exposicións, xornadas de cinema ou concertos.

Ateneo Republicano de Galicia

  • ARGA
  • Corporate body
  • 1998-06-14

É creado o 14 de xuño de 1998 na Coruña ante a necesidade de articular nunha plataforma conxunta os traballos encamiñados a crear un foro de inquietudes humanas sen límites nin restricións. A súa actividade concéntrase en promover debates, tertulias, creacións e exposicións que propaguen e difundan os valores éticos da tradición liberal republicana. Diríxese a todos cantos comparten os ideais republicanos en permanente sintonía con respecto á plena dignidade da persoa humana e recoñecemento dos dereitos institucionais. Entre o seu patrimonio atópanse os fondos doados pola familia Alvajar, así como os fondos do Ateneo Curros Enríquez (A Coruña 1977-1998)

Terras de Celanova e Baixa Limia A.C.

  • AE-VEN-TCel
  • Corporate body
  • 200? ata a actualidade

A Asociación “Terras de Celanova e Baixa Limia” foi creada nos primeiros anos do século XXI por orixinarios de esa comarca da provincia de Ourense que formaron un colectivo numeroso dentro da presencia galega en Venezuela.

Segundo consta nos seus Estatutos, trátase dunha asociación civil con personalidade xurídica, sen fins de lucro, domiciliada en Caracas e cuxos obxectivos son:

"a. Benéficos: Promover la creación y dearrollo de programas de previsión y ayuda médico-asistencial que beneficien a todos sus asociados.
b. Culturales: En esta área se hará un especial esfuerzo en la defensa y divulgación de los valores autóctonos, históricos, culturales y espirituales de Galicia y, en forma muy especial, en las relaciones con las Terras de Celanova e Baixa Limia.
c. Sociales: Establecer relaciones cordiales e intercambios de carácter cultural, social y recreativo con las demás asociaciones gallegas y otras afines.
d. Deportivos: Fomentar y realizar actividades de carácter deportivo que contribuyan al acercamiento, convivencia y hermandad entre todos los asociados".

Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra

  • AE-VEN-ProPont
  • Corporate body
  • 1988-01-08 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes de orixe pontevedresa foi creada en Caracas o 8 de xaneiro de 1988 durante unha reunión na sede da "Hermandad Gallega de Venezuela", segundo indican na súa Acta constitutiva: "A los ocho días del mes de enero de mil novecientos ochenta y ocho, reunidos en la sede social de la <Hermandad Gallega>, ubicada en la Avenida Principal Mariperez, de esta ciudad de Caracas y estando presentes (...) quienes hemos convenido en constituir, como en efecto constituímos en este acto, una asociación civil que se denominará <Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra>".

Destacan entre os seus fundadores: Santiago Oviaño Cerviño, Juan López Pita, Jaime Tosar Silva, Raimundo Toubes, José Manuel Díaz, Abelardo Rios Giraut, José Ramil Martínez, Eduardo Meilán Sánchez, Alberto Jesús García Hernández, Manuel Ramos López, José Manuel Carpintero, Ofelia Otero Fernández Sanmartín, José Sanmartín López, José Ferreira, Benigno Rossua Vasquez, Francisco González Otero, Maribel Muñiz Méndez, Ernesto Chao Pazos, Ana María Rodríguez, Ramiro Muñiz Martínez, Moisés Muñiz Méndez, José Rodríguez Sánchez e José Antonio Chao Louzao.

Trátase dunha asociación de carácter benéfico cuxo fin é promover actividades de previsión e socorro mutuo para os seus asociados. Segundo os seus Estatutos, o seu obxectivo fundamental é promover o achegamento dos fillos e amigos da provincia de Pontevedra; promover iniciativas de acción asistencial comunitaria; propiciar accións de carácter cultural autóctono e defender o carácter da provincia, así como iniciativas de carácter comunal, cooperativo, asistencial, etc. para a colectividade que asocia; fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda xeral para os membros da Asociación; propiciar programas de divulgación dos valores autóctonos galegos e en xeral ter un carácter benéfico e de socorro mutuo para os seus asociados.

Organizan actos, conferencias e charlas sobre cultura e historia de Galicia e celebran a Festa da Virxe da Peregrina (patrona de Pontevedra).

Asociación Civil Fillos da Provincia de Lugo

  • AE-VEN-ProLug
  • Corporate body
  • 1997 ata a actualidade

Asociación civil con personalidade xurídica, de servizos á comunidade e de carácter apartidario que da cabida a todos os nacidos na Provincia de Lugo, así como aos seus ascendentes e descendentes.

Nos seus Estatutos queda constancia das súas finalidades básicas:
"A) Protección o socorro mutuo y prestar apoyo moral, social y jurídico a cada uno de sus asociados, según lo exija el caso, y en lo posible a todos los hijos de la provincia de Lugo en general.
B) Prestar servicios a la comunidad y/o a la propia Asociación Fillos da Provincia de Lugo, promoviendo o realizando obras benéficas asistenciales cooperativas, deportivas-recreativas, culturales, etc.
C) Para el cumplimiento de estos objetivos, la Asociación podrá promover, fomentar y desarrollar actividades de carácter cultural, recreacional o cualquier otro evento con la finalidad de recabar fondos para la realización de estos objetivos".

Asociación Benéfica Provincia de La Coruña

  • AE-VEN-ProCor
  • Corporate body
  • 1984 ata a actualidade

Esta sociedade cultural e recreativa foi fundada o ano 1984 por un grupo de emigrantes galegos integrantes da "Peña Coruñesa" da Hermandad Gallega de Venezuela.

Nos seus inicios reuníanse na sede da HGV pero dende 1989 contan cunha oficina na zona da Candelaria, aínda que para realizar actividades recreativas, culturais ou deportivas continúan a empregar as instalacións da "Hermandad".

Entre os seus fundadores destacan Arturo Ces Chisca, primeiro presidente social, Antonio Corgo Casal, Julio Fernández Candamio, Juan José Vázquez Calviño, Salustiano Piñeiro Piñeiro, José Antonio Vázquez, Gerardo Blanco Paseiro, Genciano Silva, Juan Antonio Fernández, Francisco Regueiro e Celso Baleiro.

No Artigo 2 dos seus Estatutos sociais recollen que o obxectivo básico desta asociación é o seu carácter benéfico e de protección ou socorro mutuo entre todos os asociados. Para o seu cumprimento poderán promover, fomentar e desenvolver actividades de carácter cultural, deportivo, recreacional, coa finalidade de obter fondos para beneficios asistenciais, de previsión e axuda en xeral para os socios.

Lar Gallego de Caracas

  • AE-VEN-LG
  • Corporate body
  • 1945-04-15 ata o 1960-10-12

O Lar Gallego de Caracas foi unha asociación galega na emigración en Venezuela. Foi constituído en Caracas o 15 de abril de 1945, logo de que se autorizase a súa creación o 9 de febreiro dese mesmo ano. A idea de fundación deste centro xurdiu por mor da visita do secretario xeral do Centro Gallego de Bos Aires, Rodolfo Prado, a Caracas. Este, propuxo a idea a un grupo de galegos residentes na cidade, os cales tras diversas reunións acordaron a creación do mesmo. Na constitución do Lar Gallego participaron vinte e oito persoas, que decidiron quen ocuparían os cargos da primeira directiva, finalmente formada por José Mosqueira Manso (presidente), Silvio Santiago (vicepresidente), Díaz Villamil (secretario), Isolino López (vicesecretario) e Francisco Calviño (tesoureiro).

Foi unha das principais asociacións de galegos na emigración durante a etapa do franquismo. Lonxe dos seus fogares, os inmigrantes tentaron organizarse en diferentes grupos e asociacións, mais debido ao carácter político da maior parte delas, as autoridades puxéronlles trabas para que lograsen facelo legalmente debido á prohibición polas leis venezolanas de asociacións políticas de estranxeiros con carácter político, aínda que posteriormente foron autorizando a creación de varias asociacións.

Desde o primeiro momento e durante case toda a existencia do Lar, foron os exiliados políticos os que tiveron un papel máis destacando destro da asociación. Por iso, o Lar Gallego tivo un carácter marcadamente político, con predominio de persoas de ideoloxía de esquerdas, republicano-progresistas, que defendían principios galeguistas e antifranquistas.

Durante a súa existencia, o Lar desenvolveu importantes actividades sociais, culturais, recreativas, deportivas e, por suposto, políticas. Un dos seus obxectivos principais foi a asistencia social e a beneficencia, orientadas cara a colonia galega cunha situación económica aínda precaria e que non contaba cunha seguridade médico-asistencial.

O Lar contaba coa peña de xadrez "Alexandre Bóveda" e polos seus salóns pasaron os mellores xadrecistas mundiais da época. No aspecto cultural, organizaban periódicamente ciclos de conferencias e charlas culturais e publicaban un boletín mensual no que non só recollían noticias concernientes á sociedade e á comunidade galega en Venezuela senón que tamén informaban sobre temas de actualidade e de cultura galega a través da colaboración de escritores residentes en Galicia, Bos Aires, Cuba ou México. Tamén emitían un programa de radio dominical na emisora Radio Rumbos.

Dende 1951 celebraron todos os anos unha homenaxe a Daniel R. Castelao no aniversario da súa morte, algún deles organizado conxuntamente co Centro Gallego.

Produto do Lar foi a creación de diversos premios culturais que recoñecían a produción en galego ou de temática galega. Entre eles destacaron os premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, o premio Maside de pintura e o premio literario Ramón Otero Pedrayo.

Ao longo da historia desta organización podemos observar varios momento de crise que derivaron na separación desta, dividíndose en novas asociacións, algunhas das cales volveron a acordar a súa unión tempo despois. A escisión do Lar Galego nomeouse Centro Galego de Caracas (1948), do cal á súa vez xurdiu unha nova escisión: a Casa de Galicia (1956), que tivo unha vida moi curta.

Tras a caída da ditadura no ano 1959, a embaixada española perde influencia sobre o goberno e non logran impedir a creación da Junta de Acercamiento para estabelecer de novo negociacións entre os diversos grupos.

Debido á necesidade de crear unha asociación forte para aglutinar a todos os galegos emigrados, os dirixentes do Lar Gallego, do Centro Gallego e da Casa de Galicia lograron comezar a negociar ata formalizar a súa unión nunha reunión. Nela participaron representantes dos grupos anteriormente mencionados, que tamén invitaron á Asociación Civil de Amigos de Santiago, mais declinaron a oferta e continuaron a funcionar de forma independente.

O 10 de maio de 1960 os directivos das tres asociacións reuníronse nun cine da Candelaria e decidiron formalizar a unión, estabelecendo como data de inauguración da nova sociedade o día 12 de outubro do mesmo ano. Ese día celebrouse unha Asemblea Xeral na sede do Centro Gallego, no Paraíso, onde se aprobaron os novos estatutos ante a presenza duns 150 socios. A nova asociación nomeouse como Hermandad Gallega de Venezuela, cuxa dirección queda constituída pola directiva das tres entidades ata o 25 de xullo de 1961, data na que se convocan eleccións. Ángel Feijoo Fernández foi elixido como o primeiro presidente da entidade, que contaba con 800 socios nominais ou fundadores.

Junta Democrática de Galicia en Caracas

  • AE-VEN-JuDemo
  • Corporate body
  • 1974-09-02. Non existe na actualidade

A "Junta Democrática de España" e, de igual forma, as xuntas rexionais, provinciais e municipais, entre elas a "Junta Democrática de Galicia en Caracas", xurdiron para loitar por unha España democrática e reivindicar a personalidade do pobo catalán, galego e vasco.

A "Junta Democrática de España" manifestouse por primeira vez públicamente o 29 de xullo de 1974 en París e en Madrid, ante un gran número de asistentes.

Foi o primeiro gran organismo que, cun programa político centrado na "ruptura democrática", conseguiu movilizar unitariamente a toda a oposición antifranquista.

A "Junta Democrática de Galicia en Caracas" constituíuse o 2 de setembro de 1974, nomeando una Xunta Provisional Executiva, que se puxo en contacto inmediatamente coa "Junta Democrática de España" e coa "Junta Democrática de Galicia", adheríndose aos 12 obxectivos reflectidos no Manifesto.

Asociación de Jóvenes Savia Nueva

  • AE-VEN-JovSN
  • Corporate body
  • 1989-03-20. Non existe na actualidade

A "Asociación de Jóvenes Savia Nueva" constituíuse na sede social da "Hermandad Gallega de Venezuela" en Caracas o 20 de marzo de 1989 por un pequeno grupo de mozos, na súa maioría galegos, coa idea de fomentar a participación xuvenil galega no novo marco da Galicia actual.

Segundo consta nos seus Estatutos o seu obxectivo principal é "fomentar la participación de la colectividad gallega y española en Venezuela para mantener los lazos sociales y culturales con Galicia, sus gentes y su historia, así como su lengua y cultura". Ademáis, perseguirá "unificar la acción de los jóvenes españoles en Venezuela, con la finalidad de que tenga alcance a nivel de toda la colectividad, iniciar y mantener contactos con otras asociaciones de ese tipo a nivel mundial y en España, crear instrumentos de difusión dirigidos a la colectividad española y divulgar los aspectos culturales, sociales, educativos, comunicacionales, etc., de España".

Dende xullo de 1989 publicaron o boletín "A Nosa Voz", dirixido pola súa primeira Presidenta, María del Carmen Tato Dacasa, no que informaban das súas actividades e de temas de interese para os emigrantes. Organizaban charlas, conferencias e proxeccións de vídeos sobre temas relacionados coa cultura galega e coa emigración, recitais de poesía, exposicións, talleres, concursos, representacións teatrais, etc.

Na sede da "Hermandad Gallega de Venezuela" celebraban o Día de Galicia e actividades recreativas. Organizaron campionatos de tenis de mesa e unha maratón.

Tivo unha corta existencia, desaparecendo a comezos dos anos 90 do século XX.

Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada

  • AE-VEN-HPEst
  • Corporate body
  • 1959-09-22 ata a actualidade

O 14 de decembro de 1958 cinco emigrantes en Venezuela orixinarios do partido xudicial de A Estrada acordaron crear unha Comisión Preparatoria, presidida por Manuel Coto Porto, que aprobou a constitución dunha sociedade e a elaboración dos estatutos societarios. O 22 de setembro de 1959 elixiron unha directiva presidida por Manuel Goldar e o 6 de decembro de 1960 foi inscrita de xeito oficial como asociación. Foi o primeiro centro benéfico galego creado en Venezuela con carácter local ou comarcal.

Tras un período de decadencia esta entidade reaparece de novo en 1971, conseguindo no ano 1979 uns 460 socios. Na actualidade conta 242 socios, todos eles galegos. Segundo os seus estatutos soamente admiten como socios aos nacidos no partido xudicial de A Estrada (concellos de A Estrada, Forcarei e Cerdedo), aos cónxuxes e aos seus fillos.

Trátase dunha asociación de carácter benéfico e cultural cuxos principais obxectivos son axuda mutua a todos os asociados, tanto benéfica como social, sobre todo en casos en que por enfermidade ou accidente algún socio quede incapacitado física ou mentalmente, defender os valores autóctonos de Galicia e realizar actividades culturais e recreativas.

Non teñen sede propia. Para a maioría das súas actividades empregan as instalacións da "Hermandad Gallega de Venezuela" en Caracas e en Valle Fresco.

Dende o ano 1982 publican o "Boletín Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada". Celebran a Festa de San Paio (patrón de A Estrada), a Festa da Richada e Romerías. Contan con tres equipos de fútbol sala en diferentes categorías. Teñen sepulturas no Cemiterio do Este en Caracas a disposición dos socios con menos recursos económicos.

Obtivo a condición de galeguidade o 28 de xaneiro de 1988 por Decreto 31/88 (DOG nº 28 do 11 de febreiro).

Asociación Benéfica Hijos de Lalín

  • AE-VEN-HLal
  • Corporate body
  • 1983-11-30 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada o 30 de novembro de 1983 por un grupo emigrantes galegos orixinarios do partido xudicial de Lalín que residían en Caracas e que foran socios da "Hermandad Gallega de Venezuela". A primeira directiva fundacional estaba integrada por David Mato López, como presidente; vicepresidente, Jesús Fernández Ramos; secretario xeral, José Manuel Varela González; tesoureiro, Gonzalo González Rodríguez; secretariod de relacións públicas, Adolfo Vázquez Martínez; vocais: Celso Martínez Villamayor, Antonio Souto González.
Os obxetivos fundamentais da asociación, recollidos nos seus primeiros estatutos (1983), céntranse na promoción de todo tipo de actividades de índole social, cultural e recreativa: entre varios dos fins está promover e auspiciar o labor de axuda mutua entre os seus asociados, no campo médico, social, docente, asistencial, cultural; propiciar programas de divulgación do coñecemento de Galicia, promovendo actividades culturais e recreativas, dirixidas á mellora dos niveis cultural, social e económico das persoas integrantes da Asociación.

Hermandad Gallega de Valencia

  • AE-VEN-HGVa
  • Corporate body
  • 1980-06-16 ata a actualidade

No ano 1979 un grupo de xogadores do equipo de fútbol Ourense reúnense en casa do señor M. Reinoso para conversar sobre a posibilidade de crear un lugar como "segunda casa" e que agrupara exclusivamente a galegos residentes en Venezuela.

As primeiras eleccións da "Hermandad Gallega de Valencia" celebráronse na súa segunda reunión e, como resultado, foi elixido Manuel Vázquez como Presidente e conformada a primeira Xunta Directiva. A partir de ahí adecuáronse un restaurante, unha sala de xogos de mesa, a oficina de pago e unha sala para reunións da Xunta Directiva, entón xa presidida por Francisco Rey.

Anos máis tarde decídese invertir nun novo terreo para así poder acoller a un maior número de socios. Dende entón a súa sede está ubicada ó final da Avenida Galicia.

O obxecto da asociación consta nos seus Estatutos: "Agrupar a Gallegos y simpatizantes de la cultura, costumbres y espíritu de Galicia, a los fines de fomentar entre sus miembros actividades culturales, artísticas, benéficas, recreativas, deportivas y sociales, así como el proporcionarles la oportunidad permanente de esparcimiento lícito que les facilite entre ellos nexos de unión, fraternidad y amistad".

Hermandad Gallega de Venezuela

  • AE-VEN-HGV
  • Corporate body
  • 1960-10-12 ata a actualidade

A "Hermandad Gallega de Venezuela" creouse o 12 de outubro de 1960 tras a fusión das tres entidades galegas existentes en Caracas naquel momento, o "Centro Gallego" (1948), o "Lar Gallego" (1946) e a "Casa de Galicia" (1956), cun total de 800 socios fundacionais. A partir de 1962 esta sociedade experimentou un gran crecemento económico e social, coa compra do Banco Unión" e do antigo "Club Casablanca" en Maripérez donde queda instalada a súa sede.
Nos seus Estatutos recollen os obxectivos sociais:
a) Fins Culturais: fomentar, divulgar e defender o idioma e a cultura galegas, e os valores autóctonos de Galicia; promocionar a nosa cultura dentro de Venezuela e realizar intercambios culturais cos demais pobos iberoamericanos; crear centros de cultura, con especial dedicación a Galicia e Venezuela.
b) Fins Asistenciais: promover a creación de servicios médico-asistenciais, de previsión e axuda aos asociados galegos.
c) Fines Deportivo-recreativos: fomentar e desenvolver actividades deportivase e recreativas de carácter aficionado entre os asociados, promocionando a creación de agrupacións artísticas.
Na súa sede principal teñen instalados os servicios sociais e desenvolven a maior parte das súas actividades recreativas; no ano 1985 constrúen un novo edificio donde está instalada a biblioteca "Curros Enríquez" que conta cun fondo bibliográfico de 20.000 volumes.
Entre as moitas actividades de carácter cultural emiten un programa de radio dominical "Sempre en Galiza" de gran difusión en Venezuela e manteñen económicamente o Colexio "Castelao", fundado o 28 de xaneiro de 1965. Editan o boletín informativo "Irmandade" e, dende 1971 a 1976 publicaron a "Revista da Hermandad Gallega de Venezuela", con noticias sobre as actividades societarias, e dende novembro de 1987 editan a revista informativa "Punto de Unión".
Teñen tamén un hospital donde prestan servicios sanitarios asistenciais aos seus socios.
No ano 1992, ante a crise económica e para facer fronte ás débedas convirten a institución nunha "sociedad por accións".

Asociación Civil Fillos de Ourense

  • AE-VEN-FilOur
  • Corporate body
  • 1983-01-27 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes galegos naturais de Ourense e residentes en Caracas foi creada o 27 de xaneiro de 1983 por un grupo de socios de "Hermandad Gallega de Venezuela", coa idea de reunir aos naturais da provincia de Ourense residentes en Caracas para así poder realizar algunhas prestacións específicas que non podían ser obtidas a través da "Hermandad Gallega". O número de socios fundacionais foi de 60.

A finalidade da asociación é “esencialmente benéfica, de asistencia social, cultural y deportiva” e sen fins de lucro. Neste sentido prestan apoio moral, social e xurídico aos seus asociados. Tamén proporcionan axuda monetaria en casos de enfermidade grave ou accidente que supoñan incapacidade física parcial ou total. Entre os seus fins destaca o de promover o achegamento dos ourensanos en Venezuela, ademais de crear iniciativas de asistencia comunitaria e propiciar accións de carácter cultural autóctono; tamén queren fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda para todos os membros da asociación.

No aspecto cultural tratan de “preservar y difundir” o idioma galego e os “valores culturales autóctonos de Galicia”. Publican un boletín con carácter trimestral dende 1996 chamado Reporte Ourensán, que distribúen de maneira gratuita entre os socios. Dende o ano 1997 emiten, con periodicidade semanal, un programa de radio, chamado Xuntanza Fillos de Ourense, pola emisora Radio Uno 1340, de Caracas. E contan coa Banda de Gaitas Xuntanza Fillos de Ourense, fundada e dirixida por Jonathan Casal Montesinos.

Celebran a Festa do Magosto (San Martín, patrón de Ourense), Feria do pulpo (mes de abril), Feria dos callos. Para estas celebracións e para as súas actividades ordinarias, utilizan as instalacións da HGV, tanto na súa sede de Maripérez, como na de Valle Fresco. No aspecto deportivo contan con 15 equipos de fútbol sala e con 1 equipo de fútbol.

Federación de Centros Españoles de Venezuela

  • AE-VEN-FECEVE
  • Corporate body
  • 1974-10-25 ata a actualidade

Definida como "único órgano social privado, con personería jurídica propia, que se dedicaría a solicitar y defender los intereses y beneficios que por ley corresponden a todos los españoles en Venezuela" (Félix Barbero Alonso, presidente de FECEVE).

A Feceve fundouse o 25 de outubro de 1974, representa ao colectivo organizado en torno a centros, asociacións, entidades e fundacións, provinte das distintas comunidades autónomas españolas e, dentro do posible, ao non organizado, residente en Venezuela ante gobernos, organizacións e organismos públicos e privados de España, Europa e Venezuela.

Ten entre os seus obxectivos a loita polo benestar social da comunidade española en Venezuela, a través da labor social e cultural, así como manter a unidade da comunidade e defender os seus intereses.

Centro Gallego de Maracaibo

  • AE-VEN-CGMar
  • Corporate body
  • 1962-05-16 ata a actualidade

O "Centro Gallego de Maracaibo" fundouse o 16 de maio de 1962 por un grupo de emigrantes galegos, coa visión de crear unha institución que albergara a todos os emigrantes e nela fomentar a cultura e as tradicións galegas. A súa primeira sede foi unha casa alugada na Avenida El Milagro, a orillas do lago. En 1970, debido á crise económica que atravesaba a asociación, convertíronse nunha sociedade por accións que quedou integrada por cincocentos socios propietarios. En 1972 puxeron a primeira pedra que daría inicio á construción dunha nova sede, máis moderna e funcional, que sería inaugurada o 12 de maio de 1974. En 1977 adquiriron novos terreos e realizaron importantes obras.

Nesta sociedade, ó contrario que na maioría de centros galegos, os membros da directiva son "electos entre los miembros propietarios" sen ter en conta o seu lugar de nacemento.

O C.G.M. é unha asociación civil con carácter social e deportivo e os seus obxectivos principais, recollidos nos seus Estatutos, son procurar o desenvolvermento das relacións sociais, deportivas e culturais entre os seus membros, así como defender e divulgar os valores autóctonos, espirituais e históricos de España e de Galicia en particular.

En 1974 comezaron a transmitir un programa de radio chamado "A voz de Galicia" na emisora local Radio Catatumbo Internacional, no que informan do que acontece no Centro e da actualidade e historia de Galicia e de España. Dende o 1 de maio dese mesmo ano publican a revista mensual "Alborada", na que informan das súas actividades sociais, culturais e deportivas e tratan temas de cultura galega. O ano seguinte fundaron o Grupo de Danzas "Alborada", no que contan co Grupo de Gaitas Galegas "Cachafeiro". Tamén contan cun grupo de armónicas, co "Orfeón Santiago", cun grupo de teatro e co Grupo de Pandereteiras "Anduriñas". Imparten cursos de danza e gaita, organizan festivais folclóricos e exposicións de pintura, escultura e artesanía. Celebran o Entroido, o Día do Apóstolo Santiago, a Festa da Hispanidade e organizan romerías populares, torneos de cartas, etc.

O deporte ten un papel moi destacado no Centro. Organizan torneos internos e participan nos de outras entidades. Contan con equipos de fútbol, de fútbol sala, balonceso masculino e femenino, natación, kárate, frontón, tenis e tenis de mesa. Dispoñen de consultorio médico e odontolóxico. A súa meta é por en marcha unha asistencia médica integral para todos os socios e beneficiarios do Centro. Desenvolven diversas actividades benéficas e realizan colectas recadatorias.

Centro Gallego de Caracas

  • AE-VEN-CGCar
  • Corporate body
  • 1948 ata 1960

O Centro Gallego de Caracas foi fundado en 1948 por mor da escisión dun grupo de socios do Lar Galego, liderado por Silvio Santiago, en desacordo coa liña política seguida pola sociedade.

Entre os obxectivos do Centro Galego estaban a beneficencia, o socorro mutuo e a asistencia ao inmigrante acabado de chegar, normalmente sen familia nin recursos económicos. Este mutualismo constituía unha maneira efectiva de suplir a insuficiencia da asistencia pública. Así, o Centro subvencionaba aos seus socios servizos médicos e odontolóxicos.

No plano cultural editaron a revista "Galicia", na que colaboraron intelectuais galegos da emigración en América e de Galicia. Publicaron dez números entre xulo de 1952 e xullo de 1954, prestando especial atención a cuestións de tipo cultural, social e deportivo. Emitían un programa de radio chamado "Ecos de Galicia" na emisora Radio Caracas Radio e organizaban conferencias, charlas, concertos, etc. Contaban cunha agrupación cultural chamada "Coro Castelao".

No plano deportivo, contaron con equipos de fútbol, baloncesto e voleibol, así como cunha peña de xadrez chamada "José Raúl Capablanca", en honor do campeón cubano.

No aspecto recreativo, realizaban bailes as fins de semana amenizados por orquestas e romerías de maneira periódica.

Aínda que o 25 de marzo de 1956 aprobaron os Estatutos e a acta constitutiva da sociedade "Lar y Centro Gallego" a unidade non se fixo efectiva ata o ano 1960.

Centro Gallego de Barquisimeto

  • AE-VEN-CGBar
  • Corporate body
  • 1963-11-26 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e benéfica foi creada por un grupo de emigrantes galegos residentes na cidade venezolana de Barquisimeto para defender e divulgar os valores autóctonos, espirituais e históricos de Galicia; a irmandade e protección de todos os seus fillos, ademais de estabelecer relacións cordiais e intercambios culturais coas demais asociacións galegas.
O centro celebra anualmente a "Feira do Pulpo", o Día de Santiago Apóstolo, o Día da Raza, Fin de ano e Reis. Organizan actividades deportivas e asistenciais, coa recollida de fondos para axudar aos anciáns galegos que queran retornar a Galicia.
Teñen sede propia e contan cun grupo de danzas e gaitas chamado "Carballeira" formado por 6 gaiteiros e un corpo de baile, "Semente da Terra", integrado por 15 membros.

Results 1 to 20 of 540