Amosando 555 resultados

Rexistro de autoridade
Entidade colectiva

Unidos de Fonsagrada y sus distritos

  • AE-AR-UFon
  • Entidade colectiva
  • 1936-04-19 ata 1939, ano no que se fusiona con "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira"

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Residentes del partido de Fonsagrada" con "Sociedad artística y recreativa orfeón Fonsagrada" no ano 1936 para xuntar esforzos cos que axudar ás vítimas da guerra civil que estaba asolando a súa terra natal.
En 1939 fusiónase coa sociedade irmá "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira" pasando a denominarse "Unidos de Fonsagrada y Baleira".
Finalmente no ano 1943 pasa a integrarse na sociedade provincial "Centro Lucense de Buenos Aires".

Unidos de Fonsagrada y Baleira

  • AE-AR-UFonBal
  • Entidade colectiva
  • 1939-10-08 ata 1943, ano no que se integra no Centro Lucense de Buenos Aires.

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Unidos de Fonsagrada y sus distritos" e "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira".
Organiza diversos festivais para conseguir fondos para enviar a Galicia e axudar ás vítimas da guerra civil.
Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.

Tuy - Salceda, asociación mutua, cultural y recreativa

  • AE-AR-TuiSal
  • Entidade colectiva
  • 1976-01-01 ata a actualidade.

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades de emigrantes "Centro protección agrícola del distrito de Salceda" e "Casa de Tuy", auspiciada polos directivos Luis e Omar González e Alfredo Estévez (primeiro presidente da nova entidade). Nos meses seguintes integraránse as sociedades de "Hijos de Chantada", "Pontecaldelas", "Carral" e "Becerreá".
Nos seus estatutos sociais declárase como fins primordiais: "fomentar a unión e axuda recíproca entre os seus asociados para satisfacer as súas necesidades; prestar servicios funerarios; otorgar subsidios ou empréstimos aos asociados; proporcionar servizos de asistencia médica integral, farmacéuticos, de proveeduría, recreación, turismo, culturais, etc.; establecer un fondo compensatorio para a xubilación; etc.".
Na actualidade, as súas actividades céntranse case exclusivamente na axuda mutual e a realización de actos culturais e recreativos para os socios como excursións, festas campestres, conferencias ou cursos de danzas folclóricas galegas e de instrumentos típicos.

Terras de Celanova e Baixa Limia A.C.

  • AE-VEN-TCel
  • Entidade colectiva
  • 200? ata a actualidade

A Asociación “Terras de Celanova e Baixa Limia” foi creada nos primeiros anos do século XXI por orixinarios de esa comarca da provincia de Ourense que formaron un colectivo numeroso dentro da presencia galega en Venezuela.

Segundo consta nos seus Estatutos, trátase dunha asociación civil con personalidade xurídica, sen fins de lucro, domiciliada en Caracas e cuxos obxectivos son:

"a. Benéficos: Promover la creación y dearrollo de programas de previsión y ayuda médico-asistencial que beneficien a todos sus asociados.
b. Culturales: En esta área se hará un especial esfuerzo en la defensa y divulgación de los valores autóctonos, históricos, culturales y espirituales de Galicia y, en forma muy especial, en las relaciones con las Terras de Celanova e Baixa Limia.
c. Sociales: Establecer relaciones cordiales e intercambios de carácter cultural, social y recreativo con las demás asociaciones gallegas y otras afines.
d. Deportivos: Fomentar y realizar actividades de carácter deportivo que contribuyan al acercamiento, convivencia y hermandad entre todos los asociados".

Sociedades unificadas de Baleira, Castroverde y Fonsagrada

  • AE-AR-SocUBal
  • Entidade colectiva
  • 1938 ata 1939, ano no que se fusiona con "Unidos de Fonsagrada y Baleira", pasando a denominarse así.

Esta entidade foi resultado da unión de emigrantes naturais dos concellos luceneses de Fonsagrada, Baleira e Castroverde, quen quixeron reflectir a súa procedencia na súa denominación
Tras a súa creación, organiza un comité para conseguir fondos a prol das vítimas da guerra civil española e da causa republicana; este comité estaba integrado na "Central Gallega", creada pola Federación de sociedades gallegas de la República Argentina.
A súa duración foi escasa, pois xa en 1939, os socios aproban en asemblea fusionarse coa entidade "Unidos de Fonsagrada y Baleira", para así ter máis peso tanto na Federación como para conseguir os seus fins solidarios e benéficos.

Sociedades unidas del partido judicial de Muros

  • AE-AR-SocParMur
  • Entidade colectiva
  • Anos 40 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta sociedade de emigrantes é resultado da fusión de varias entidades de emigrantes naturais do partido xudicial de Muros, residentes na Arxentina foi creada en Bos Aires.
Edita como voceiro social o xornal "Monte Louro".
Foi membro da "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina".

Sociedade hispano brasileira de socorros mútuos, instruçâo e recreio

  • AE-BR-SMSPau
  • Entidade colectiva
  • 1898-03-13 ata a actualidade

Este centro foi creado polos membros máis destacados e concienciados da colectividade española, que residía en Sâo Paulo, a finais do século XIX. Entre os seus promotores e fundadores pódese citar a Joaquín Aparicio Mayol, primeiro presidente da entidade, José Aparicio Martí, José Valentín de Diego, Manuel Rodríguez, José Eirós, Higinio Bisbal ou José Roldán Rocoy.
Fundado co nome de “Sociedade española de socorros mutuos e instrucción”, a súa principal finalidade era proporcionar saúde a todos os emigrantes enfermos e sen recursos, ademais de proporcionar socorros e axudas económicas en casos de necesidade puntual; contemplan también dar instrución básica aos nenos, fillos de emigrantes, que a necesitaran, tal e como quedan reflexados nos seus primeiros estatutos sociais: “tiene por objeto: a) atender el restablecimiento de la salud, proporcionando a los enfermos socorros médico-farmacéuticos y pecuniarios; b) propender, por medio de la cooperación moral y material, al fomento de la cultura, al esparcimiento del espíritu y al bienestar social; c) interponer toda su influencia moral para la defensa de sus asociados, en casos de manifiesta e ilegal persecución, por parte de cualesquiera poderes o entidades; d) intervenir en los asuntos de la colonia española que guarde relación con su progreso y buen nombre; e) contribuir a la disminución de los daños producidos por grandes calamidades públicas”.
En 1900 inaugura la Farmacia social para facilitar de manera gratuíta los medicamentos a sus socios. En 1902 creou a Caixa de Fondos para la repatriación de aqueles socios que por enfermidade non estiveran en condicións de traballar e quixeran voltar á patria. Meses despois tamén funda a Caixa de fondos para axudar economicamente ás viúvas e orfos necesitados de todos os membros da colectividade.
En 1919 fusionouse coa “Sociedade de Beneficencia Española” que tiña uns fins moi similares.
Para conseguir fondos cos que realizar as súas numerosas actividades organiza romarías e festas, e coas cotas sociais, van levando a cabo o seu labor benéfico.
A partir de 1921 comeza unha campaña para a adquisición dunha sede social propia, onde instalar todos os servizos médico-farmacéuticos e tamén dous amplios salóns, que cando non empregaba eran alugados a outras institucións da cidade. En 1938 consegue rematar de pagar a sede que aínda hoxe é súa. A partir de aí comeza a xuntar cartos para construír o soñado Hospital, organizando festivais, campañas de captación de fondos etc.
Debido ás leis brasileiras, en 1942 pasan a denominarse “Sociedade brasileira de socorros mútuos” e aproba uns novos estatutos nos que se seguía dando prioridade á axuda benéfica aos seus asociados e á colectividade. Será en 1948, baixo a presidencia de Rafael Coca, cando a sociedade pase a denominarse como a coñecemos actualmente.
Tras unha época de crise económica da entidade, que incluso perdeu o solar que chegara a mercar para construír o ansiado hospital, a directiva deu unha viraxe nas súas finalidades, adaptándose aos novos tempos que estaba a vivir a colectividade. Aproba así abandonar a construción do hospital, pois agora xa o mesmo estado brasileño tiña implantado un sistema sanitario para a poboación, e decide construír instalacións deportivas e sociais para convertilo nun clube moderno e así atraer ás novas xeracións (en 1965, tivo lugar a inauguración das piscinas olímpicas, e creouse un restaurante e un bar ao que puideran acudir todos os socios e demais veciños de Sâo Paulo; neses anos tamén se instalou unha biblioteca e pistas para realizar atletismo, campos de futbol etc). todo sen esquecer a súa vertente hispana.
Comeza unha nova etapa centrada nas actividades recreativas e deportivas.
Nos anos 70 moitas das entidades españolas que había en Sâo Paulo, deciden integrarse nesta sociedade debido ao descenso de socios e que a idea da unión facilitaría o logro das súas reivindicacións. É o caso de “Casa de Espanha”, “Centro Espanhol”, “Centro Gallego” e “Centro Democrático Español”. Por outra banda, a “Casa de Galicia – Hogar Espanhol”, o “Instituto regional Valenciano”, o “Círculo Cervantino” e o “Centro Asturiano”, deciden unirse e crean unha nova entidade chamada “Centro Espanhol de Sâo Paulo”, coa idea de crear un club moderno. Pero como a marcha da “Sociedade hispano brasileira de socorros mútuos, instruçâo e recreio” era xa un éxito, acaban por integrarse nela en 1976.
Edita como voceiro social a revista “Alborada” que se distribúe gratuítamente entre os socios.
Hoxe en día esta sociedade é un centro cultural e social que representa a España e a súa cultura ante a sociedade paulista e brasileira.

Sociedade filantrópica Santa Tereza de Ávila

  • AE-BR-SSTer
  • Entidade colectiva
  • 1988-05-16 ata a actualidade

Esta asociación foi fundada por membros da colectivade española residente na Bahia, coa finalidade primordial de dar cuidado e asistencia aos socios anciáns sen recursos.
Segundo os seus estatutos sociais do ano 1988, trátase dunha "entidade civil e filantrópica, sen fins lucrativos, con sede e foro no concello de Salvador, (...) con finalidade de: "manter unha residencia para acoller aos asociados; acoller persoas maiores, dependendo das posibilidades financieiras da sociedade; proporcionar permanentemente aos residentes convivencia fraterna e crear as condicións para o desenvolvemento de actividades lúdicas, culturais e recreativas".
Na enquisa de 1990, aparece como fin primordial da sociedade "dar albergue decente para que os paisanos sacrificados pola vida e a emigración e desolados pola falta de cariño familiar, teñan un lugar tranquilo e sen maiores luxos ata que Deus os chame ao seu lado".
Tamén colaboraron coa creación e mantemento da chamada "Casa do Ancián" do Hospital Espanhol de Salvador de Bahia.
En 1994 a Xunta de Galicia concédelle a Galeguidade polo seu gran labor a favor dos emigrantes galegos no estado de Bahia.

Sociedade espanhola de socorros mútuos de Porto Alegre

  • AE-BR-SEPor
  • Entidade colectiva
  • 1893-08-01 ata 1994, ano no que se fusiona coa "Casa de Espanha de Porto Alegre", dando lugar a unha nova entidade chamada "Centro Espanhol de Porto Alegre"

Esta entidade foi creada a finais do século XIX por un grupo de españois que lideraron a idea de fundar unha asociación mutualista que dese asistencia á crecente colectividade española asentada en Porto Alegre. Entre os 47 socios fundadores da nosa sociedade pódese citar a: Agapito González, primeiro presidente social; Vicente Sánchez, secretario; Antonio Peralta, Gabriel Franco, José Calzada, José Cortés, Andrés Serramo, Juan Pajarón, Manuel Gutiérrez, Juan Fernández, entre outros.
Como principal obxectivo da sociedade aparece o de crear un fondo común destinado a socorrer aos asociados en casos de enfermidade ou necesidade. Trátase pois dunha entidade mutualista, apolítica e sen un credo relixioso determinado.
O seu bo facer fixo que moi pronto se incrementase o número de asociados tanto españois como brasileiros, polo que o seu carácter hispano quedou un tanto diluído.
En 1923 apróbase unha reforma dos seus estatutos sociais, ampliando as coberturas aos socios cunha sección de seguros de vida e invalidez, outra de protección, outra de cultura e tamén de recreo.
Tras varios anos de proxectos e obras, en 1929 inaugura un palacete como sede social propia, obra do arquitector e escultor Fernando Corona, cunha magnífica fachada barroca que dá magnificencia ao conxunto. Contaba con amplios salóns para realizar reunións sociais e banquetes, un restaurante, un bar social e unha gran biblioteca.
O peso cada vez maior das actividades recreativas en detrimento da acción mutualista e ademais nas directivas de socios hai cada vez maior peso de socios de orixe brasileira, todo isto provoca descenda o número de socios.
A finais de 1935 prima a idea de crear e manter un consultorio médico propio, que comeza a funcionar na propia sede social. Esta policlínica foi doada por José Barreras Escalona, presidente da entidade, para que nela fosen atendidos todos os socios enfermos da entidade.
Nese ano inauguran tamén un consultorio xurídico.
Na década dos 50 un grupo de socios abandonan a entidade, contrarios a opción política da directiva e a marcha da mesma, e fundan a "Casa de Espanha de Porto Alegre".
En 1994 aproban a súa fusión coa entidade antes mencionada, creando o actual "Centro Espanhol de Porto Alegre".

Sociedade espanhola de beneficência Hospital Espanhol de Rio de Janeiro

  • AE-BR-HERio
  • Entidade colectiva
  • 1859-09-13 ata a actualidade.

Esta entidade foi fundada por emigrantes españois (comerciantes e representantes de institucións españolas en Brasil), co obxectivo de paliar os problemas da saúde pública local, carente nesa época de hospitais e organizacións médicas capaces de atender à poboación da cidade de Rio de Janeiro.
A Sociedade Espanhola de Beneficência (SEB) centrouse no auxilio prestado aos emigrantes en cuestións puntuais, relativas sobre todo á asistencia médico-hospitalar. A maiores, ao longo da súa historia funcionou como centro de preservación da cultura hispánica en Rio.
Como entidade filantrópica, tivo un papel destacado recoñecido polo propio emperador Don Pedro II que, a través do Decreto Imperial nº 2564, de 24 de maio de 1860, aprobou o seu primeiro estatuto social. Coa chegada da república e o aumento do fluxo migratorio de europeos en Brasil, nas primeiras décadas do século XX, a sociedade e seu hospital, foron collendo novos e importantes compromisos sociais a favor da calidade de vida dos seus asociados.
Desde os seus inicios, esta entidade asumiu tamén a función de congregar aos españois en torno a unha institución que lles garantise a supervivencia da cultura española e a súa integración na sociedade e cultura brasileira. Para iso loitaron pola consecución dunha sede social propia onde reunirse, cousa que acadaron en 1901.
Ademais da atención sanitaria e médica, a SEB tamén prestaba auxilio aos emigrantes que tiñan que retornar, axuda económica en casos de necesidade, daba axuda xurídica, etc.
A partir de 1912, comezan a loitar pola creación dun hospital da súa propiedade. Ata entonces a súa actuación era dispersa e con caráter emerxencial. En 1928, foi inaugurado o centro hospitalario, que aínda hoxe funciona coas últimas técnicas e modernidades.
En 1961 conseguen o título de utilidade pública estadual e en 1986 o de utilidade pública federal. En 1990 inician as obras de modernización do hospital que actualmente é un dos máis prestixiosos da cidade de Rio que oferece atención hospitalaria, de emerxencias e CTI. Posúe servizos clínicos en diversas especialidades tanto médicas como de laboratorio.

Sociedade de socorros mútuos e beneficiente Rosalía de Castro

  • AE-BR-SMRos
  • Entidade colectiva
  • 1900-12-02 ata a actualidade

Esta sociedade, sin fins lucrativos, creouse tras a fusión en 1988 das entidades españolas “Sociedade de Socorros Mútuos de Santos” e da “Sociedade Beneficente Rosália de Castro” da mesma cidade.
A súa actividade está volcada na atención médica e hospitalaria dos seus asociados, emigrantes galegos na súa maior parte, sobre todo da xente da terceira idade, con carácter gratuíto, pois suelen ser persoas que carecen de axudas e sen recursos económicos.
O seu labor asistencial e benéfico é tan destacable que a Prefeitura Municipal de Santos, declarouna no ano 2000 como unha entidade de utilidade pública. Tamén a Xunta de Galicia ten asinado diversos convenios de colaboración para axudarlles económicamente no seu labor de axuda aos máis desfavorecidos.

Sociedade "A Nosa Galiza"

  • AE-SU-NGal
  • Entidade colectiva
  • 1967-01 ata a actualidade

Durante o ano 1966 un pequeno grupo de galegos reuníanse todos os domingos no "Foyer Cervantes" baixo o nome de "Centro Galego de Xenebra", aínda que a súa idea era crear un centro diferente aos que xa existían noutras cidades suízas. En xaneiro de 1967 fundan unha entidade con este nome, coa pretensión de crear unha asociación que dignificara e revalorizara o galego. A sociedade queda entonces constituída con setenta socios.

Nos seus Estatutos, aprobados en xuño de 1973 e redactados en galego, aparecen recollidos os obxectivos sociais: Teimar o achegamento de todos os galegos e mais o seu desenrolo no vindeiro encol dos ideais, e arnaxes propios de Galicia; defensa e espallamento da lingua galega; desenvolvemento de todas as actividades de orde cultural, artístico ou de folguedo, a prol dos obxectivos desta sociedade; promoción das relacións e posibles traballos en común con outras sociedades da Suíza ou doutros países, cuxos obxectivos non sexan contrarios ós de A Nosa Galiza.

Entre as actividades culturais que organizan está o programa de radio "Galicia Sempre" creado o 15 de decembro de 1985 na emisora de radio Geneve Informations e dirixido por Carlos Díaz. Ademais sosteñen unha escola de gaitas e percusión, donde ensaia o seu grupo folclórico "A nosa Galicia" creado en 1981 e tamén contan cun grupo musical de "Xóvenes A Nosa Galiza" con rondalla e grupo de gaitas; así como un grupo de teatro formado polos socios. Organizan ciclos de conferencias e coloquios, representacións teatrais, campeonatos de axedrez e futbol, excursións e bailes, todos eles enmarcados nas celebracións da Quincena Cultural Galega, do Día das Letras Galegas e do Día de Galicia. Editan dende a súa fundación o boletín social "Semente".

A Sociedade “A Nosa Galiza” manten unha intensa actividade social e cultural en beneficio da colonia galega en Xenebra. Proba diso é a súa participación activa en diferentes organismos, como a Federación mundial de Sociedades Galegas (FMSG), a Federación de Sociedades Galegas na Suiza (FSGS), da que actualmente non forma parte pero da que antaño asumíu a Secretaría Xeral e a Secretaría de Cultura.

Sociedad unión de los hijos del ayuntamiento de la Cañiza

  • AE-AR-SocCañ
  • Entidade colectiva
  • 1932-06-16

Esta entidade foi creada por un grupo de ex-socios da "Sociedad Unión Hijos del Partido Judicial de la Cañiza" (1913), capitaneados por José B. Vázquez.
No ano 1913 un grupo de veciños do partido xudicial da Cañiza, residentes en Bos Aires, decidiron fundar unha sociedade con fins agraristas, coa idea de fomentar a agricultura e gandería na súa terra natal.
Cunha actividade bastante convulsa polas disensións entre os socios, en 1924 reorganízase a sociedade co nome de "Sindicato Agrícola la Unión del Partido Judicial de la Cañiza", mantendo o seu ideario agrarista e progresista e en 1926 crea seccións nas parroquias do seu partido xudicial: en Arbo, Cabeiras, Covelo, Parada, A Cañiza e Hachas. Anos despois ante a idea de crear unha federación de entidades dos concellos pertencentes ao citado partido xudicial, un grupo de socios, orixinarios da Cañiza deciden desligarse e crear unha nova entidade con fins mutualistas e recreativos, onde se reunisen todos os naturais do concello da Cañiza.

Sociedad residentes del partido judicial de Padrón

  • AE-AR-ResPad
  • Entidade colectiva
  • 1943-03-27. Non existe na actualidade.

Esta sociedade de emigrantes naturais de Padrón foi fundada en Bos Aires en 1943. Entre os seus fundadores destacan Carlos Suárez e José Fontenla.
Tal e como indican na súa acta fundacional (...): "Por iniciativa de un núcleo de padroneses amantes de su terruño, animados por un franco espíritu de compañerismo, se va a constituir en esta capital la Sociedad Hijos del ayuntamiento de Padrón, recreativa, cultural y mutualista.
Los nobles fines que se persiguen al fundar esta sociedad, quedan esbozados a continuación:
a) la unión de todos los hijos de Padrón, que por no haber sociedad de este distrito, militan en otra o en ninguna
b) crear a los padronenses un ambiente digno: fundar una biblioteca y un lugar donde los asociados encuentren a la par que un sano esparcimento, una evocación del querido terruño
c) contemplar las necesidades de los socios en sus enfermedades, prestándoles toda la ayuda posible, moral, material y su repatriación
Podrán formar parte de nuestra sociedad todas las personas de buena voluntad que se sientan identificadas con nuestros ideales y propósitos, sean o no hijos de Padrón".
Dende 1945 edita unha revista social baixo o título de "Padrón".

Sociedad residentes del municipio de Porriño

  • AE-AR-SocResPor
  • Entidade colectiva
  • 1938-06-12 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades de emigrantes porriñeses residentes na Arxentina, concretamente de "Fomento de Porriño y su distrito" e "Unión Agraria Parroquias Unidas del Distrito de Porriño".
Actualmente ten finalidade recreativa e mutualista.

Sociedad residentes del ayuntamiento de Portas y sus contornos

  • AE-AR-SocPortas
  • Entidade colectiva
  • 1943-07-25

Esta sociedade foi fundada polos veciños das parroquias de Briallos, Lantaño e Romai, do concello de Portas, residentes na Arxentina. Como se recolle no número 813 do xornal "Galicia" (1943), o propósito destes emigrantes era «vincularnos entre sí, en la República Argentina, a donde hemos venido en busca de un porvenir, en esta tierra generosa, que por su historia, tradición e idioma, está unida a nuestra España y al decir España dice Galicia, en el deseo de estimular a nuestros convecinos de aquella comarca, en donde tenemos la mayoría nuestros seres queridos [...]. Nos guía el propósito de darle a esta sociedad una elevación cultural y práctica, un mutualismo dentro de nuestros recursos».
A primeira comisión directiva estivo formada por José Silva, como presidente; Victorino Ares Barcala, vicepresidente; Manuel Rivas, secretario xeral; José Alfonso, secretario de actas; Manuel E. Vila, secretario auxiliar; Jesús Alfonso, tesoureiro; Olimpio Maquieira, protesoureiro; Amando Gándara e Amando Docampo, bibliotecarios; e como vogais: Peregrino Villaverde, Angel Vila Ares, Elías Gómez Alonso, José R. Carballo, José Cons, José B. Pena e Manuel Iglesias. Alfonso Rodríguez Castelao foi nomeado presidente honorario da entidade.
En 1949, comeza editar como voceiro social unha revista mensual que se chamaba "Portas".
A comezos de 1950, recibiu unha petición dos seus veciños en Galicia para que lle axudasen economicamente na construción dunha escola para os nenos da parroquia de Santa María de Portas. José Cascallar, socio da entidade, foi un dos promotores na recollida de cartos e, ademais, entregoulle á parroquia un soar da súa propiedade no lugar de Currás, onde se construíu o centro escolar. Os socios desta entidade conseguiron recadar unhas 6000 pesetas, que enviaron a Portas. O edificio foi inaugurado en 1954. Nos seguintes anos mandaron varias remesas de cartos e material escolar para esta escola e para o resto dos centros educativos do concello.

Sociedad residentes del ayuntamiento de Cospeito y sus contornos

  • AE-AR-SocCosp
  • Entidade colectiva
  • 1926-04-01 ata 1938, ano no que se fusiona co Centro Villalbés, creándose unha nova entidade chamada "Centro Villalbés - Cospeito"

Esta sociedade foi fundada por emigrantes naturais do concello lucense de Cospeito residentes na capital arxentina, a maioría deles socios do Centro Villalbés. Descontentos co funcionamento deste centro, sobre todo no que atinxía á axuda mutua e á súa relación coa Federación de Sociedades Gallegas en la República Argentina, abandonan a entidade e deciden crear unha nova.
En 1926, liderados por Manuel Lis Puente, primeiro presidente social, e por José Prados, O. Lozano e Antonio Abelleira, fundan a sociedade Residentes del Ayuntamiento de Cospeito y sus contornos, que proclama nos seus estatutos un ambicioso programa cultural e social para a súa comarca natal.
No xornal da colectividade, «El Despertar Gallego», declaran o seu ideario: «(...) que los emigrados de América estamos obligados a propagar en el solar nativo los principios de la cooperación libre, agrupando a los trabajadores del agro en cooperativas de producción y consumo, libertándolos de la rapiña de tratantes y comerciantes deshonestos (...) debe crearse en Cospeito una granja de experimentación que sea a la vez escuela para párvulos y adultos (...)».
En 1928, o Comité Pro-escuelas en Rioaveso envíalles unha carta en que solicitan a súa axuda para a construción dunha casa-escola na parroquia, petición á que responden co envío de varias remesas de cartos.
Baixo o seu patrocinio tamén se creará unha escola mixa no lugar das Abelleiras, na parroquia de Santa Cristina.
En 1938, tras numerosas reunións, aproban a súa fusión co Centro Villalbés de Bos Aires e pasan a denominarse Centro Villalbés-Cospeito.

Sociedad residentes de Lousame y sus contornos

  • AE-AR-SocLou
  • Entidade colectiva
  • 1919. Non existe na actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais do concello de Lousame residentes na República Arxentina.
Entre as súas finalidades destaca a construción dunha escola na súa vila e a axuda mutua entre os socios, ademais de organizar festas e comidas para manter o contacto e a unión, á vez que consegue fondos para levar a cabo os seus proxectos.
En 1925, organiza unha festa a beneficio da escola que están a construír na parroquia de San Martiño de Fruíme. Colabora activamente cos veciños da parroquia «porque nuestros rapaciños sin nuestra ayuda tendrán que emigrar mañana sin saber el silabario». Esta escola foi inaugurada en 1927.
En xullo de 1939, participa na homenaxe polo centenario do nacemento de Rosalía de Castro que a colectividade galega organiza no Teatro Avenida da capital arxentina.

Sociedad residentes de Cuntis

  • AE-AR-SocCun
  • Entidade colectiva
  • 1917-07-08 ata 1974, ano no que foi disolta

Esta sociedade instrutiva e mutulista foi creada en Bos Aires por un grupo de emigrantes naturais do concello pontevedrés de Cuntis. Dende a súa fundación organizaron diversos festivais e actos para recadar fondos para a construción de escolas na súa terra natal.
En 1924 merca un edificio en Cuntis para implantar a primeira escola financiada por esta sociedade, que financiou durante varios cursos. Sabemos tamén do envío de numerosas doazóns de material escolar para as escolas de Cuntis.
Esta entidade foi disolta en 1974.

Sociedad Progreso de Coles

  • AE-CU-PrColes
  • Entidade colectiva
  • 1910-11-22 ata a actualidade

Esta sociedade de instrución e socorros mutuos foi creada na cidade da Habana por iniciativa dun grupo de emigrantes naturais do concello ourensán de Coles residentes en Cuba.
Destacan entre os seus fundadores, nomeados anos despois presidentes de honra da entidade, Preciosa Vázquez, Ramón González, Ramón Varela Novoa, José Rivero, Antonio Fernández e Constantino Añel.
A súa primeira directiva estivo formada por Manuel García Vázquez, como presidente; vicepresidente, José Otero; tesoureiro, José Rivero; vicetesoureiro, Antonio Cintas; secretario, Gerardo González; e vicesecretario, Aquilino Requejo.
Dende a súa creación, as súas actividades estaban centradas en ofrecer servizos mutualistas aos socios e conseguir cartos para poder financiar a construción dunha escola laica no seu concello natal. No Regulamento de 1912 aparece como fin principal o de favorecer ao obreiro ourensán procurándolle medios e facilidades para a súa mellora.
En Galicia, no ano 1911, a Sociedad Agraria de Coles, falta de recursos económicos para rematar o edificio que estaba facendo na súa localidade, ponse en contacto coa entidade habaneira, á que ofrece os terreos e parte do edificio xa construído, para continuar coas obras e así establecer nun breve prazo a escola. Desde Cuba aceptan o ofrecemento e aproban o presuposto para o remate do edificio, que funcionará como escola mixta.
Houbo moitas disensións entre ambas as entidades, pois a sociedade de agricultores pretendía que unha parte do edificio se convertese no seu local social, mentres os emigrados de Cuba querían, que fose unicamente escola para os nenos/as da parroquia. Finalmente, foi inaugurado como centro educativo o 26 de novembro de 1913, baixo o nome de Colexio «La Luz». Desde esa data a sociedade cubana ocupouse de enviar regularmente cartos para o seu mantemento.
En 1917, na memoria anual da entidade aparece reflectido este labor e destácase que o colexio conta con 105 alumnos/as. En 1920 dótano dunha nova aula onde se impartían clases de corte e confección para as nenas.
Esta sociedade mantivo unha ampla actividade a prol da instrución en Galicia; pertenceu dende 1912 ao Comité Representativo de las Sociedades Gallegas de Instrucción de Cuba.
Na actualidade segue existindo con finalidade recreativa e mutualista.

Resultados 41 a 60 de 555