- AE-AR-Chant
- Entidade colectiva
- 1915-12
En decembro de 1915 un grupo de chantadinos residentes na capital arxentina reuníronse para fundar unha sociedade recreativa e de socorros mutuos. A súa primeira Xunta Directiva estivo integrada por algúns dos fundadores: como presidente, José Costa Figueiras; vicepresidente, Benigno San Martín; secretario, Rogelio González; prosecretario, Federico de Arce y Campo; tesoureiro, Jesús Fonte Besteiro; protesoureiro, Jesús Suárez Noguerol; contador, Manuel Costa López; e subcontador, Dionisio Méndez.
Ao ano seguinte xa teñen organizado un cadro escénico formado polos socios co que realizan numerosas representacións teatrais, que lles serven para recadar fondos para a organización doutras actividades sociais e de axuda mutua.
Xa en 1925 aparecen noticias dunha posible fusión das varias sociedades de emigrantes do partido xudicial de Chantada que existían nese momento en Arxentina: Monterroso y Antas de Ulla, Agraria de Palas de Rey, Monterroso y Antas de Ulla, El Despertar de Monterroso, Palas de Rey y Antas de Ulla, Residentes del Ayuntamiento de Antas de Ulla, Hijos del Ayuntamiento de Carballedo, Juventud de Chantada y su partido, e Asociación de Chantada y su Partido, pero finalmente non temos constancia de que se levase a cabo.
Nos anos 30 conseguen ter en propiedade a súa sede social situada na rúa Alsina.
Dende 1930 publican como voceiro social a revista "El Partido de Chantada" que serve para informar aos socios das súas actividades.
No seu 27º aniversario fundacional destacan que a finalidade básica da entidade é "construir, cooperar y fomentar la unión de los inmigrantes que un día por causas diversas tuvieron que abandonar su tierra". Centraron as súas actividades na recreación, coa organización de festivais e banquetes para a confraternidade dos socios.