Esta federación de sociedades de emigrantes galegos residentes no Uruguai nace nun momento en que se intenta propiciar a coordinación de esforzos e a integración das institucións de emigrantes para acadar os seus obxectivos e facilitar a solución dos seus problemas. Trátase dunha federación constituída por asociacións civís, con personalidade xurídica que representan á colectividade galega no país.
Un dos seus máximos promotores foi Manuel Vázquez Valiño, secreatrio fundacional.
Dende a súa creación esta institución mantén o compromiso de difundir a identidade galega, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegos entre os socios, os seus descendentes e o pobo uruguaio. Segundo o xornal “Galicia” nº 1465: “El cometido principal de la Unión es celebrar en forma conjunta los actos culturales y patrióticos gallegos, así como emprender toda clase de iniciativas en torno a la problemática económica, social y política de Galicia, defendiendo a ésta en los caso, como en los momentos actuales, en que es pisoteada y discriminada por el gobierno central. Realizará a su vez, la flamante institución excursiones de conjunto a la tierra natal de sus asociados".
Os estatutos sociais foron aprobados o 3 de xaneiro de 1992, aínda que ata outubro de 1993 non tivo a personalidade xurídica. Alí consta como fin principal “coordinar as accións que realizan as institucións que a integran”. Ademais entre os seus obxectivos están: "a) servir de nexo entre as asociacións integrantes; b) representar á comunidade galega ante o goberno da República Oriental del Uruguay, ao reino de España, ao autónomo de Galicia así como ante toda clase de organismos e institucións nacionais e internacionais, en toda xestión de interese para a comunidade galega e as súas asociacións, sen interferir nas facultades que ten cada unha das asociacións federadas; c) propender á unificación das asociacións galegas radicadas no Uruguai; d) coordinar actos e festexos dos mesmos; e) manter lazos culturais e sociais con Galicia, as súas xentes, a súa lingua, a súa cultura e a súa historia, así como con asociacións similares de calquer parte do mundo; f) participar da vida social e cultural do pobo galego en xeral, colaborando na difusión da cultura, historia, costumes, folclore e lingua de Galicia e España, usando os medios máis eficaces ao seu alcance; g) colaborar, en todo momento, coa Escuela Galicia ou outro instituto que participe nas súas tarefas; h) honrar a todos os galegos que en Galicia ou en calquera parte do mundo, se distinguiran polo seu talento ou virtudes, así como tamén aos non galegos que de maneira especial honren a Galicia".
Os centros que forman parte na actualidade esta federación son: Casa de Galicia de Montevideo, Centro Cultural y Recreativo Alma Gallega, Centro Social y Cultural Bergantiños, Centro cultural y Recreativo Hijos de Galicia, Centro Gallego de Montevideo, Centro Orensano, Centro Pontevedrés Social y Deportivo, Centro Social, Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor, Hijos del Ayuntamiento de Puerto del Son, Patronato da Cultura Galega, Unión Hijos de Morgadanes e Sociedad de Campo Lameiro del Uruguay Cultural y Recreativa.
En canto ás instalacións, cabe sinalar que ata xullo de 2003 a súa sede social estaba nunha casa alugada da calle Colonia, nº 1473. Logo trasladouse á sede da sociedade “Hijos de Galicia”. Pasou polo “Centro Orensano de Montevideo” e o “Centro Pontevedrés”. Actualmente e dende2009, ubícase na Calle 18 de Julio nº 1471b, lugar cedido pola “Casa de Galicia de Montevideo”. Nestas instalacións ademais da Oficina de Información, tamén se atopa a Oficina Sociolaboral sobre Políticas de Emprego e Retorno da Xunta de Galicia, onde se poden realizar todos os trámites dos distintos programas que a Xunta de Galicia pon a disposición dos emigrantes e os seus descendientes. Desta maneira esta institución reforza aínda máis os seus lazos coa colectividade galega afincada no país, sendo un nexo entre a colectividade e a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Tamén en 2012 creou unha Sala de Estudios de Informáticos, chamada “Galicia”, onde ofertan clases de computación para todos os galegos e os seus descendentes.
Entre as actividades que ofertan aos socios están: cursos de lingua, literatura, historia e cultura galega; cursos de danza, música e confección de traxes tradicionais; cursos de formación ocupacional/empresarial; cursos de baile galego; cursos de pandeireta e canto; cursos de cociña galega; cursos de relacións públicas e protocolo; cursos de informática etc.
Dende 2012 organiza o Festival de danza e música galega, onde os alumnos dos corpos de baile e dos conxuntos de música de todas as institucións preparan os seus números musicais para homenaxear á terra dos seus antepasados.
Todos os anos organiza diversas actividades como parte dos festexos do Mes de Galicia entre as que destacan un desfile de modas galego-uruguaio, que tivo como peche un desfile de traxes típicos galegos, confeccionados polos alumnos do “Curso de Confección de Trajes Típicos”, impartido por mestres enviados pola Xunta de Galicia.