Amosando 1806 resultados

Rexistro de autoridade

Chantada y su partido

  • AE-AR-Chant
  • Entidade colectiva
  • 1915-12

En decembro de 1915 un grupo de chantadinos residentes na capital arxentina reuníronse para fundar unha sociedade recreativa e de socorros mutuos. A súa primeira Xunta Directiva estivo integrada por algúns dos fundadores: como presidente, José Costa Figueiras; vicepresidente, Benigno San Martín; secretario, Rogelio González; prosecretario, Federico de Arce y Campo; tesoureiro, Jesús Fonte Besteiro; protesoureiro, Jesús Suárez Noguerol; contador, Manuel Costa López; e subcontador, Dionisio Méndez.
Ao ano seguinte xa teñen organizado un cadro escénico formado polos socios co que realizan numerosas representacións teatrais, que lles serven para recadar fondos para a organización doutras actividades sociais e de axuda mutua.
Xa en 1925 aparecen noticias dunha posible fusión das varias sociedades de emigrantes do partido xudicial de Chantada que existían nese momento en Arxentina: Monterroso y Antas de Ulla, Agraria de Palas de Rey, Monterroso y Antas de Ulla, El Despertar de Monterroso, Palas de Rey y Antas de Ulla, Residentes del Ayuntamiento de Antas de Ulla, Hijos del Ayuntamiento de Carballedo, Juventud de Chantada y su partido, e Asociación de Chantada y su Partido, pero finalmente non temos constancia de que se levase a cabo.
Nos anos 30 conseguen ter en propiedade a súa sede social situada na rúa Alsina.
Dende 1930 publican como voceiro social a revista "El Partido de Chantada" que serve para informar aos socios das súas actividades.
No seu 27º aniversario fundacional destacan que a finalidade básica da entidade é "construir, cooperar y fomentar la unión de los inmigrantes que un día por causas diversas tuvieron que abandonar su tierra". Centraron as súas actividades na recreación, coa organización de festivais e banquetes para a confraternidade dos socios.

Círculo social Valle Miñor

  • AE-AR-CirValMi
  • Entidade colectiva
  • 1928-03-11 ata a actualidade

En 1928, durante unha visita a Arxentina do alcalde de Baiona, José Rodríguez de Vicente, nunha reunión cun grupo de paisanos residentes en Bos Aires, deciden fundar unha entidade que os representase. Creáse así o "Centro del ayuntamiento de Bayona", sendo un dos promotores da idea Laureano Pérez Rouco, socio moi destacado da colectividade na capital arxentina. El foi presidente da entidade e director da revista social.
A directiva fundacional estido integrada polos seguintes socios fundadores: como presidente fundador, José Rodríguez de Vicente; presidente, Melchor Puga; vicepresidente, Esmeraldo Solla; secretario, Bernabé Pereira; tesoureiro, Antonio González; prosecretario, Herminio Leyenda; vogais: Luis Alvarez, Francisco Marcote, Manuel Rodríguez, Antonio Alonso, José González, Pablo González e Severino Granja.
Esta entidade mutualista e recreativa cambia a súa denominación o ano 1933, sendo coñecida como "Círculo del Valle Miñor de los municipios de Bayona, Gondomar y Nigrán".
En 1952, aproban os seus primeiros estatutos nos que se recollen os obxectivos da entidade: "a) reunir no seu seo a todos os residentes do Val Miñor en Bos Aires, así como aos seus descendentes; b) propender por todos os medios á cultura, recreo e protección dos asociados, así como á exaltación da personalidade de Galicia e dos seus valores morais e materiais; c) contribuir a elevar a moral, a sensibilidade, o nivel cultural, artístico e físico dos seus asociados; d) procurar a repatriación dos socios nacidos no Val Miñor, que enfermos e faltos de recursos o soliciten; e) protexer e amparar aos naturais do Val Miñor, que chegaren ao país orfos de recomendacións, proporcionándolles traballo inmediato ou a axuda necesaria para conseguilo".
Para iso o centro dispón de salóns de reunión e recreo para os seus asociados, campo de deportes e recreo ao aire libre, biblioteca e salas onde impartir cursos de cultura xeral.
Na actualidade destacan entre as súas actividades as recreativas: organización de festas polo seu aniversario, reunións familiares e de confraternidade con carácter mensual, festival infantil de danzas, etc.; as culturais: organización de diversos actos commemorando o Día de Galicia, ciclos de conferencias, de cine e vídeo, etc. Ten unha coral social que actúa nos diversos actos festivos da colectividade. Organiza diversos cursos para os socios, por exemplo de confección de traxes típicos, música, gaita e danzas galegas e de animadores socio-xuvenís; actividades deportivas: cun equipo de bolos celta co que participa en campionatos como a "Copa de la amistad miñorana".
Dende 1988 edita un boletín informativo da sociedade, "Xuntos". Tamén publica a revista "Miñor", voceiro de prensa da asociación, que foi creada en 1933 ata 1982; e que volven a reeditar en 1986. Os socios integran o grupo de baile "Miñor".

Club Español de Buenos Aires

  • AE-AR-ClubEs
  • Entidade colectiva
  • 1852-09-05 ata a actualidade.

En 1852, tras ser derogada a Ley de Extranjería do goberno arxentino, a colectividade española asentada no país, comeza a desenvolver unha intensa actividade social e comercial. Por iniciativa de Vicente Rosa y Carim, foi creada en setembro dese ano a “Sala Española de Comercio”, disuelta 5 anos máis tarde, aínda que gran parte dos seus asociados continuaron reuníndose nun Centro que en 1866 pasou a denominarse “Casino Español”, aínda que era coñecido como “Club Español”, nome que pasaría a ser oficial a partir de 1872. Alí desenvolvíanse actividades sociais e benéficas. Desde esa sede la comunidad española desarrollaba diversas actividades sociales y benéficas.
Como fins da entidade aprecen “…proporcionar a sus asociados todos los recreos propios de una sociedad culta, promover los intereses del comercio y de la beneficencia, coadyuvar eficazmente al establecimiento del Hospital Español, y estrechar los vínculos de la confraternidad hispano-argentina….”.
Esta sociedade continúa a ser na actualidade un centro cultural, comercial, asistencial e recreativo.

Comisión Intersocietaria pro-conmemoración das datas patrióticas galegas

  • AE-AR-ComInter
  • Entidade colectiva
  • Creouse en 1948. Na actualidade non existe pero non temos constancia da data da súa disolución.

Esta comisión foi creada en 1948 coa finalidade de "manter ergueito o sentimento da Patria e honrar con verdadeiro senso galego as nosas datas nacionales". A súa función específica foi a de organizar os actos para celebrar o aniversario da morte de Castelao, da aprobación do Estatuto Galego e o Dia da dos Mártires, tres datas esenciais para os galegos.
Estivo integrada dende a súa creación polos seguintes centros: "Centro Coruñés", "Centro Lucense", "Centro Orensano", "Centro Pontevedrés", "Centro Betanzos", "A.B.C. de Hijos del Partido Judicial de Corcubión" e por "Irmandade Galega".

Comité Orensano Leal

  • AE-AR-ComiOr
  • Entidade colectiva
  • 1938-1941, ano no que se fusiona con outras entidades de Ourense para crear o "Centro Orensano" de Buenos Aires

Este comité foi creado en 1938 por diversas entidades de emigrantes ourensáns en Bos Aires, entre as que podemos citar: "Centro Nogueira de Ramuín", "Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín", "Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar" e "Cultural y Recreativa del ayuntamiento de Esgos".
Todas estas entidades fusionaranse en 1941, e crean unha nova entidade de carácter provincial, o Centro Orensano de Buenos Aires.

Comité auxiliar de las sociedades de agricultores del distrito de Puenteareas en Buenos Aires

  • AE-AR-ComiPuent
  • Entidade colectiva
  • 1909 ata 1946, ano no que desaparece ao fusionarse co "Centro renovación de Puenteareas"

Esta sociedade foi fundada en 1909 por un grupo de emigrantes naturais do concello pontevedrés de Ponteareas, residentes en Bos Aires, co fin moi xeral de "dedicar sus actividades a todo lo que signifique progreso en Galicia".
Entre os seus fundadores están: Angel Martínez Castro, Francisco Ojea Aldir e Cándido Otero.
Basicamente trátase dunha sociedade agraria e mutualista, que envía cartos para a mellora da súa terra natal e dos seus paisanos, dedicados maioritariamente á agricultura. Como exemplo as decisións aprobadas en asemblea xeral de socios, de 1923: envío de 100 pesos para axudar a pagar unha multa de 4.000 pesetas impostas á sociedade agraria de Cristiñade; ou a doazón de 50 pesos para as familias dos mortos de Guillarei. Acordan tamén apoiar á cooperativa "El Hogar Obrero", co envío de 1.200 pesos.
Un dos seus proxectos era crear unha biblioteca pública no seu pobo natal.
Ata o estalido da guerra civil española tivo unha gran actividade apoiando a organización de asociacións agrarias no seu partido xudicial, e a creación de cooperativas de crédito, de produción e consumo. Construíron un edificio para a Sociedad Agraria de Cristiñade, que funcionou como lugar de reunión e escola; na parroquia de Guláns, axudou economicamente a creación duunha biblioteca. Tamén financiou a construcción do edificio da Sociedad Agraria de Padróns e axudou a edificar a "Casa del Pueblo" de Ponteareas.
En 1946 esta entidade desaparece ao fusionarse co "Centro Renovación de Puenteareas".

Consello de Galiza

  • AE-AR-ConGa
  • Entidade colectiva
  • 1944-11-15

O Consello de Galiza foi un organismo político fundado en 1944 en Montevideo por catro diputados galeguistas no exilio, Castelao, Suárez Picallo, Alonso Ríos e Elpidio Villaverde.
Creouse oficialmente en Montevideo (Uruguai), porque as condicións políticas, que nese intre acontecían na Arxentina, non eran as axeitadas. Mais, en realidade, constituíse en Bos Aires, na casa do galeguista Manuel Puente.
O contexto da súa creación encádrase na última fase da II Guerra Mundial, na que aparece clara a hexemonía aliada. O derrubamento do réximes fascistas conlevaba tamén, con toda probabilidade, a caída de franquismo e a reinstauración da III República. Polo tanto, era preciso que as nacións periféricas do estado español elaborasen unha estratexia axeitada para a nova coxuntura que se presentaba. O goberno vasco reconstituírase en1942 en Estados Unidos, dirixido por José Antonio Aguirre, e en Londres creárase xa en 1940 o Consell Nacional Catalá, rexentado por Carles Pi Sunyer. Nesta coxuntura José Antonio Aguirre escribiulle unha carta a Castelao o 2 de marzo de1944, na que o animaba para constituír unha institución poltíca de Galiza no exilio, que representase a vontade do pobo galego.
Castelao trasladouse en maio de 1944 a Montevideo, onde residía Lois Tobío, avogado experto en dereito e diplomacia, para consultar con él o artellamento xurídico do futuro Consello, como un corpo de dirección política, integrado por catro diputados galeguistas para defender como fideicomisarios a vontade política de Galiza, expresada nas últimas eleccións republicanas e no plebiscito do estatuto galego, celebrado o 29 de xuño de 1936. Esta institución sería a salvagarda da vontade democrática, republicana e autonomista do pobo galego. O Consello equiparaba políticamente aos galegos cos vascos e cataláns para asinar a nivel de tres Gobernos o pacto de Galeuzca.

Coro galego Brétemas e Raiolas

  • AE-AR-CorBre
  • Entidade colectiva
  • 1953-06-09. Non existe na actualidade.

Esta asociación cultural e artística foi fundada por un grupo de mozos galegos, emigrados na Arxentina, "empurrados pola saudade e polo amor á Terra-Nai con afinidade vocacional polo folclore galego".
Creado este coro de música galega dedicábase fundamentalmente a actuar nos diversos actos recreativos e culturais organizados polas entidades galegas asentadas na Arxentina, na radio e noutras asociacións de emigrantes.
Este grupo folclórico tivo a súa sede durante moitos anos nas instalacións do "Centro Betanzos" de Buenos Aires.
Un dos seus máis destacados socios e secretario xeral foi, durante moitos anos, Xoán Santos.

Agrupación coral y artística Rosalía de Castro

  • AE-AR-CorRo
  • Entidade colectiva
  • 1939-03-30 ata 1963, ano no que se integra no "Centro Pontevedrés" de Buenos Aires.

Esta sociedade cultural e artística foi creada por emigrantes galegos na Arxentina, para participar na homenaxe que a colectividade galega de Bos Aires lle fixo nese ano a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacimento, celebrando un gran festival o día 24 de xullo no Teatro Avenida.
Esta asociación continúa no seu labor en defensa da cultura e a arte galega ata xaneiro de 1963 en que aproba a súa integración no "Centro Pontevedrés".

Coral galega Os Rumorosos

  • AE-AR-CorRu
  • Entidade colectiva
  • 1933-00-00. Non existe na actualidade

Esta agrupación artística foi creada por emigrantes galegos residentes na capital arxentina. Reúnense para ensaiar e organizar actuacións de música popular galega.
En xullo 1939 destaca pola súa actuación no festival na homenaxe que a colectividade galega de Bos Aires lle fai a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacimento, no Teatro Avenida.
Esta entidade edita nos anos 30 a revista "Alalá", voceiro social.

Coral Terra a Nosa

  • AE-AR-CorTer
  • Entidade colectiva
  • 1946-11-01. Non existe na actualidade.

Este grupo coral foi creado en novembro de 1946 polo "Centro Orensano de Buenos Aires" coa intención de defender e espallar a cultura e a música galega na Arxentina, participando coas súas actuacións nas festas da coletividade galega.

Cruzados de Santiago Apóstol

  • AE-AR-Cruz
  • Entidade colectiva
  • anos 30 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta entidade cultural e relixiosa, ten como fin primordial difundir a tradición española do culto ao Apóstolo Santiago, así como a súa influencia na historia de España e de Galicia.

Conxunto artístico galego Breogán

  • AE-AR-CxBre
  • Entidade colectiva
  • 1967-03-31. Non existe na actualidade

Esta agrupación recreativa e cultural foi fundada por socios do Centro Gallego de Buenos Aires. A súa directiva fundacional estaba integrada por: Eduardo Sánchez Millares, como presidente; secretario, Higinio Espósito e Manuel García como tesoureiro.
Organiza numerosas actividades culturais para a colectividade galega asentada na capital arxentina.

Asociación española de socorros mutuos de Comodoro Rivadavia

  • AE-AR-ESMCom
  • Entidade colectiva
  • 1910-09-11 ata a actualidade

En 1910 un grupo de 128 españoles residentes en Comodoro Rivadavia, liderados por D. Vicente Gómez, fundan unha institución civil con fins solidarios baixo a denominación de "Asociación Española de Socorros Mutuos de Comodoro Rivadavia", da que foi o primeiro presidente D. Toribio Larrea.
Esta sociedade recreativa e cultural nun primeiro momento, foi recoñecida legalmente o 26 de febreiro de 1914, centrando os seus esforzos en conseguir un servicio sanitario gratuíto para os asociados, pero non será ata o ano 1954 cando inauguren as obras do sanatorio da entidade.
No ano 1974 crean un departamento de aforro e empréstimo coa finalidade de crear un fondo de axuda mutua.
Na actualidade contan cun moderno sanatorio onde reciben atención todos os seus asociados e demais persoas da cidade de Comodoro Rivadavia, ademais de seguir organizando numerosas actividades culturais e recreativas.

Asociación española de socorros mutuos de Coronel Dorrego

  • AE-AR-ESMCoro
  • Entidade colectiva
  • 1901-07-07 ata a actualidade

Esta asociación foi fundada por un grupo de emigrantes españois residentes na localidade arxentina de Coronel Dorrego, liderados por Tomás Villacampo, quen foi o seu primeiro presidente, José A. Mayo, Julián e Ricardo Arrizabalaga, José M. Tejería e Alfredo Piquero entre outros.
Centrou as súas actividades na confraternidade dos seus asociados e descendentes, fomentando a cultura española e as súas tradicións e chegaron a construír o Teatro Español da cidade. Teñen tamén fins de axuda mutua para os seus socios.

Federación de asociaciones españolas en la República Argentina

  • AE-AR-FAE
  • Entidade colectiva
  • 1920. Non existe na actualidade.

Esta entidade federativa foi creada para lograr a unión das numerosas sociedades de emigrantes españois existentes na república arxentina. Xuntos poderían axudar e xestionar mellor todos os problemas que lle xurdisen as distintas entidades para acadar os seus obxectivos e beneficiar aos seus socios.
En 1922, 118 destas sociedades formaban parte da citada federación.
Cada ano celebraban un congreso no que se discutía a súa política común e se tomaban decisións de cara a mellora dos emigrantes españois no país.

Federación agraria residentes del distrito de la Estrada

  • AE-AR-FEst
  • Entidade colectiva
  • 1915-02-28 ata 1943-10-23, ano da súa fusión coa "Unión Estradense", dando lugar a unha nova entidade, o "Centro cultural del partido de la Estrada"

Esta sociedade de emigrantes estradenses residentes en Bos Aires, foi fundada coa finalidade de conseguir fondos para a construción dun edificio na vila da Estrada, que sería a sede da Federación agraria da Estrada. Ademais tiñan como obxectivo prioritario loitar a prol do agrarismo e da instrución na súa terra natal. Entre os seus promotores estaban os agraristas Francisco Miguens Rey, presidente social en varios períodos, José Verde Limeses, José M. Abraira e Andrés Camiño.
En 1919 conseguen construír un edificio na rúa Lima, da capital bonaerense, onde se radicou a súa sede social, que contaba con varias oficiñas para xestionar unha bolsa de traballo que ofertar aos socios, ademais dun consultorio xurídico en caso de necesidade. Crea tamén unha escola nocturna para os socios e unha biblioteca social.
Organizaba diversas actividades para conseguir fondos que enviar á súa terra natal para a construción ou mantemento das escolas creadas na súa vila; tamén para axudar economicamente a diversas causas agraristas e anticaciquís, na defensa do campesiñado.
En 1922, prepara un gran festival artístico e danzante a beneficio da casa-escola que se está a construír na parroquia de Loimil (A Estrada). Na década dos anos 20 mandan a súa terra diversas axudas económicas para a construción e mantemento das escolas de Olives, Paradela-Barbude, Arnois, ademais da xa citada de Loimil..
En 1920, promoven a publicación dun voceiro social baixo o título de "La Libertad".
O 23 de outubro de 1943 apróbase a fusión das sociedades "Federación agraria de la Estrada" e "Unión Estrandese", creando unha nova entidade baixo a denominación "Centro cultural del partido de la Estrada".

Federación republicana española de América

  • AE-AR-FRE
  • Entidade colectiva
  • 1906. Non existe na actualidade

Esta federación foi creada para coordinar os centros republicanos españois existentes en Arxentina, Uruguai, Paraguai, Porto Rico, Chile e Cuba.
Tiña como voceiro social un xornal titulado "El Republicano Español"

Resultados 61 a 80 de 1806