Amosando 1806 resultados

Rexistro de autoridade

Unión Villalbesa y su Comarca

  • AE-CU-UVill
  • Entidade colectiva
  • 1909-08-12 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada na Habana o 12 de agosto de 1909 polos naturais do partido xudicial de Vilalba residentes na illa de Cuba. Dende a súa creación tivo carácter benéfico, mutualista e instrutivo e xa no ano 1912 encabeza a iniciativa dunha suscrición para financiar o "Hospital de Villalba" con Agustín López Arias como principal impulsor do proxecto. No ano 1914 recadan fondos para honrar a memoria de Manuel Mato Vizoso, poñéndolle unha placa conmemorativa na rúa que leva o seu nome en Vilalba. No ano 1925, teñen o proxecto de construír un Hospital-asilo no concello de Vilalba, para o que recaudan fondos con distintas actividades recreativas e teñen aberta unha suscrición permanente para conseguir cartos. Tamén envían xiros en caso de necesidade á súa localidade natal.
A partires de 1936, tras a reforma do seu regulamento, a súa finalidade primordial foi o fomento da amizade entre todos os naturais do Partido Xudicial de Vilalba e prestarlles todos os auxilios morais e materiais ós seus socios.
O seu presidente actual, Antonio Tenreiro Roca, é fillo do anterior presidente, Antonio Tenreiro Rodríguez.

Unión Villalbesa

  • AE-AR-UVill
  • Entidade colectiva
  • 1938 ata 1943, ano no que se fusiona co "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada por un grupo de emigrantes vilalbeses, residentes en Arxentina.
En 1943 os seus socios aproban en asemblea a súa fusión con outras sociedades de emigrantes naturais da provincia de Lugo, para formar o "Centro Lucense de Buenos Aires".

Unión Trivesa

  • AE-CU-UTrives
  • Entidade colectiva
  • 1921-06-12 ata a actualidade

Esta sociedade comarcal foi fundada na Habana o 12 de xuño de 1921 polos naturais do concello de Pobra de Trives residentes alí coa finalidade de socorrer aos asociados que por enfermidade, accidente, inutilidade física para o traballo ou necesidade de repatriación o necesitasen, e fomentar por medio de festivais a confraternidade entre os naturais do Partido Xudicial de Pobra de Trives e todos os fillos de Cuba e España; establecer relacións coas sociedades afins, na forma que máis conviñese á defensa dos intereses sociais e, por último, organizar actos culturais e de recreo como conferencias, veladas, etc. para recabar fondos para o fondo social.

En 1938 estivo presidida por Orentino Diéguez.

En 1998 a Xunta de Galicia recoñeceulle a súa galeguidade.

Unión residentes del ayuntamiento de Carbia, hoy Vila de Cruces

  • AE-AR-SocCar
  • Entidade colectiva
  • 1936-05-24 ata a actualidade.

Esta sociedade recreativa e cultural foi creada por un grupo de emigrantes naturais do antigo concello de Carbia (hoxe chamado Vila de Cruces), residentes en Bos Aires.
A súa directiva fundacional estaba integrada por estes homes cos seguintes cargos: presidente, Ramiro Verde; vicepresidente, Ramón Chacón; secretario, José M. Lareo; tesoureiro, Manuel Chacón; e como vogais: Secundino Calveira, Manuel Vázquez, Benito Lorenzo, Perfecto Mazas, Antonio Salgueiro, Manuel Santander, Julio Brandariz e José Soto.
En 1970 aproba uns novos estatutos sociais no que especifica os seus fins: fomentar os vínculos de amizade e camaradería entre os socios; cultivar e difundir o espíritu da asociación; establecer relacións coas entidades que practican a axuda ao pobo galego ou se interesan polas diversas manifestacións da súa cultura; propender á cultura xeral, e preferentemente á divulgación do coñecemento da historia, a arte, a literatura, o comercio, a industria, e a economía de Galicia, en relación con eses mesmos temas de España en xeral; inculcar entre os seus asociados o amor ás institucións da nación arxentina, así como tamén o respecto ás súas leis, usos e costumes.
Como voceiro social edita unha revista denominada "Carbia".

Unión residentes de Santiago de Compostela

  • AE-AR-UStgo
  • Entidade colectiva
  • 1929-01-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi fundada por emigrantes naturais da comarca de Santiago residentes en Arxentina a comezos do ano 1929, con fins de axuda mutua, instrución e organización de actividades de recreo para os socios.
En xullo de 1939 participa na homenaxe que a colectividade galega de Bos Aires lle fai a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacimento, celebrando un gran festival o día 24 de xullo no Teatro Avenida.
Ese mesmo ano editan a Revista "Compostela" como órgano social.

Unión Residentes de Dodro

  • AE-AR-ResDod
  • Entidade colectiva
  • 1940-11-17 ata a actualidade

En 1913, os naturais de Dodro emigrantes en Bos Aires, crearon a sociedade agraria e mutualista "Sociedad hijos de las tres parroquias de Dodro" que, no ano 1923 muda o nome, pasando a denominarse "Sociedad cultural hijos de las tres parroquias de Dodro".

En 1940, debido ao cambio de finalidades, prodúcense disensións que provocan a disolución desta sociedade. Uns meses despois, en novembro dese ano, se funda a entidade "Unión Residentes de Dodro" en Bos Aires, con fins mutualistas e recreativos. Esta sociedade continúa a traballar a prol dos seus socios na actualidade.

Unión provincial orensana

  • AE-AR-UOre
  • Entidade colectiva
  • 1913-03-09 ata 1941, ano no que se fusiona no "Centro orensano de Buenos Aires"

No ano 1913 un pequeno grupo de emigrantes galegos naturais da provincia de Ourense deciden crear unha subscrición entre os seus coterráneos residentes en Bos Aires para auxiliar á Escuela Laica Neutral establecida en Ourense. A partir das primeiras xuntanzas deciden constituírse nunha sociedade de emigrantes co nome de "Obreros orensanos 5 de julio de 1895".
Entre sus promotores podemos mencionar a Eulogio Vázquez, Adolfo Pérez, Quirino R. Martínez e Francisco Lamas.
O seu principal fin era achegar recursos para manter economicamente a Escuela Laica Neutral da cidade de Ourense, e a Casa del Pueblo de Orense. Parellamente aparece establecida no seu regulamento unha axuda aos asociados que teñan extrema necesidade.
Como entidade denomínanse "institución de carácter izquierdista".
En novembro de 1922 aparece a noticia de que a Escuela Laica que viña sostendo esta sociedade, foi desaloxada do seu local social, polo que a comisión directiva inicia unha subscrición para alugar un novo local e que continúe coas súas tarefas educativas. Nos anos seguintes loitan por conseguir fondos para construír un edificio propio para dita entidade.
No seu labor benéfico e de axuda coa súa cidade natal mandan diversos fondos en 1928 para axudar á biblioteca de Ourense, tras un incendio.
En 1932 envía un donativo á subscrición "Pro-Estatuto de Galicia" auspiciado pola O.R.G.A.
En plena guerra civil, en 1937, organiza o chamado "Comité Lister", de axuda aos damnificados pola guerra.
En todos estes anos organiza festivais artísticos, cuestacións e rifas nos que conseguen cartos para financiar o seu labor benéfico.
En marzo de 1941 aproban a súa fusión co "Centro Orensano de Buenos Aires".

Unión progresista del distrito de Salvatierra de Miño

  • AE-AR-USalv
  • Entidade colectiva
  • 1921-08-14 ata a actualidade

Esta sociedade agraria e instrutiva foi creada por iniciativa dun grupo de emigrantes naturais da comarca de Salvaterra residentes na República Arxentina. Entre eles podemos citar a Clemente López, Laureano Puente, Manuel Puente e Francisco Ojea Aldir, que defendían ideais socialistas e laicos.
Deciden crear a sociedade para acoller os veciños alí residentes e proporcionarlles socorros e axudas para os máis necesitados, ademais de fomentar a construción de centros educativos e de progreso no seu distrito natal, tal como se recolle nos seus primeiros estatutos: «Art. 2º: socorrer moral y materialmente a sus asociados, en casos de enfermedad, muerte y repatriarlos si quedaran inútiles; Art. 3º: propender al progreso del distrito y bienestar de sus habitantes elevando su capacidad intelectual y dignificación moral, por medio de la escuela, de la organización social y de la cooperación colectiva».
En 1926, organizaron un gran festival artístico a beneficio do seu proxecto para construír un edificio social na súa localidade. Neste edificio tamén debía funcionar unha cooperativa agrícola, de créditos e consumos; e ser a sede dos sindicatos agrícolas da comarca. Así mesmo, habilitaron varias dependencias como aulas para impartirlles clases aos nenos e nenas da zona. Cos cartos obtidos mercaron, ao ano seguinte, un soar valorado en 2487 pesos.
O 15 de xullo de 1928, inaugurouse o edificio da Casa do Pobo, no que se instala, ademais da escola, unha cooperativa como apoio aos labregos da comarca, para que conseguisen abaratar os prezos dos produtos e da maquinaria agrícolas.
Esta sociedade tivo un forte ideario agrarista e progresista e colaborou activamente na defensa deste movemento na súa comarca con doazóns pero tamén co seu apoio solidario a calquera tipo de reivindicación dos campesiños: axudou á Sociedade Agraria de Cristiñade, que fora multada por soster unha escola rural, ou aos afectados pola traxedia de Guillarei.
En 1936, fusionouse coa entidade "Hijos de Fornelos y anexos" e pasou a denominarse "Asociación de Residentes de Salvatierra de Miño en la República Argentina", que hoxe segue a funcionar.
En 1940, tivo un cambio nas súas finalidade e centrouse na axuda mutua e na organización de actividades recreativas e culturais, tal como se recolle no regulamento social: «nuestros Estatutos han sido reformados y ha quedado abolida toda clase de política, como así el envío de dinero a España, salvo que alguna familia solicitara ayuda, en cuyo caso la resolución se haría en asamblea. Se comenzará a reunir dinero para comprar un campo para recreo y esparcimiento de nuestros hermanos en la Argentina».

Unión progresista del distrito de Covelo

  • AE-AR-UCov
  • Entidade colectiva
  • 1927-08-27

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades "Progreso del Distrito de Covelo" (1926) e "Unión Covelense" (1923), ambas as dúas integradas por emigrantes do concello pontevedrés do Covelo residentes en Arxentina.
A súa primeira directiva estaba formada por Casiano Domínguez, como presidente; vicepresidente, Santiago García; secretario xeral, José Fontán; prosecretario, Avelino Mosquera; tesoureiro, José M. Bello; protesoureiro, Severo Pascual; secretario de actas, Miguel García; prosecretario de actas, Herminio Martínez
En 1932 envía un donativo á subscrición "Pro-Estatuto de Galicia" auspiciado pola O.R.G.A.

Unión Mugardesa

  • AE-CU-UMug
  • Entidade colectiva
  • 1909-07-30 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada pola numerosa colonia de emigrantes mugardeses residentes na illa de Cuba coa finalidade de levar gratuitamente aos seus veciños «el codiciado pan de la enseñanza». A súa creación estivo promovida por Francisco Sabio Badía (primeiro presidente), Juan José Rabina Cañizo, Eliseo García, Esteban Deus Prados, Ferreol Lago, Jaime Villar Lago e José Gelpi Souto.
Segundo a acta de constitución, o obxecto principal da nova entidade era «fomentar y propagar la enseñanza gratuíta entre los naturales del término municipal de Mugardos, creando a ese fin, colegios de ambos sexos en cada una de las cuatro parroquias de que se compone dicho término, empezando por la de Mugardos y continuando en las demás...».
Unha vez constituída, a entidade comeza a organizar numerosas actividades para obter fondos para enviar á súa terra natal, ben a través da emisión de bonos, ou pagamento de cotas sociais, ben organizando festas e comidas que servían tamén para fomentar a unión dos mugardeses que vivían na illa.
O 19 de setembro de 1910 crea unha delegación en Mugardos, que foi dirixida por Jesús Fernández, quen se ocupa de xestionar todo canto se lle encargaba de Cuba e, principalmente, a construción do grupo escolar.
Contaba, tamén, coa axuda de grupos de mugardeses que residían noutros países como Estados Unidos: en Florida, o delegado era Joaquín Díaz Casal; en California, Juan Rodeiro, e en Boot Key, José Díaz Casal. En Bos Aires, Manuel Deus López; en México, Vicente López Badía; e, en Brasil, Antonio Lara Aneiros. Con todas as contribucións mandáronse, ao longo de varias décadas, cartos para o mantemento das escolas municipais e tamén para casos de necesidade da vila e dos seus habitantes, como por exemplo o envío, en 1912, de 1899 pesetas para repartirlles ás catro viúvas dos náufragos da lancha Pilar.
O 9 de abril de 1922 organízase un acto para festexar a colocación da primeira pedra do edificio escolar que levará o nome da sociedade. As obras comezan en 1923 e rematan en 1925, cun custo de 6500 pesetas. Pero non será inaugurado oficialmente ata o 3 de novembro de 1929, debido ás malas relacións entre os directivos da sociedade e o alcalde da vila.
Por este motivo, en 1925 a sociedade cedeu o edificio para que se impartisen as clases da escola unitaria dos Casás. En 1927, sen inaugurar, comezan as clases, que serán gratuítas e laicas, cun mestre pagado pola sociedade.
Nesta década realiza numerosos envíos de libros para as escolas do municipio.
En 1926 hai importantes disensións polo funcionamento da entidade entre os socios, o que desenvoca na escisión dun grupo, que acaba formando unha nova asociación chamada Juventud Mugardesa, con finalidade recreativa. En 1946, grazas ás xestións de Francisco Yáñez Badía, as dúas asociacións volven unirse. Pero os cambios políticos e sociais, tanto en España como en Cuba, provocan unha modificación nos seus obxectivos, benéficos e recreativos, pasando a chamarse Unión Mugardesa de Beneficencia y Recreo.
En 1951, a causa das dificultades económicas da sociedade, apróbase en asemblea xeral de socios a cesión do edificio escolar ao Concello.
Esta sociedade segue a existir na actualidade e é unha das poucas que conta coa súa propia sede social, sita na rúa Peñalver, 561 da capital cubana.

Unión Hijos de Morgadanes residentes en el Plata

  • AE-UR-UHMor
  • Entidade colectiva
  • 1918-08-14 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada polos naturais do concello de Gondomar, residentes no Uruguai, que anteriormente formaran parte da delegación uruguaia da sociedade “Unión Hispano Americana Valle Miñor”, da que marcharon por disensións no seu funcionamento. Juan Rodríguez Rial e Juan Rodríguez López lideraron o grupo de fundadores da nova entidade. Ao pouco de constituírse, fixeron unha campaña na prensa arxentina para que os veciños da parroquia de Morgadáns, de Chaín e Peitieiros fundasen unha filial da sociedade e colaborasen na consecución de fondos para levar a cabo os fins sociais. Ese mesmo ano creouse a sección arxentina, presidida por Domingo Alonso Pérez.
Na súa acta fundacional establecen como finalidade prioritaria a construción e sostemento na parroquia de Morgadáns dunha escola, «que prepare eficientemente los elementos que se dirijan al Plata. La enseñanza será completamente gratuita y se regirá por los preceptos más modernos de la Pedagogía», tal como se recolleu despois no artigo 2 dos seus estatutos. Outros fins eran a protección mutua a todos os asociados e naturais de Morgadáns que chegasen ao Prata; a creación en Montevideo e Bos Aires de asilos para acoller os fillos de Morgadáns que tivesen unha mala situación económica ou con problemas de saúde; estreitar os vínculos de solidariedade hispano-americana, patrocinando e apoiando iniciativas nese senso; envío de axuda económica para a conservación do cemiterio civil construído na súa parroquia natal, etc.
Pronto contactan con familiares e veciños na súa parroquia para que comecen as xestións da busca dun edificio para crear a escola. En 1922, comezan a enviar cartos para a fundación desta, que foi instalada nunha casa alugada a D. José Cabanelas, industrial residente na cidade de Mercedes (Arxentina). Esta escola era privada, gratuíta e laica, seguindo o modelo do sistema uruguaio de educación. Todos os gastos que xeraba a escola eran pagados polos promotores. En 1924, o edificio de Cabanelas púxose en venda; aínda que a comisión de Morgadáns desexaba mercalo, desde Montevideo opuxéronse pois pensaban que era moi caro.
Comezaron as xestións para a compra dun terreo, que estivese situado estratexicamente, e en novembro de 1925 foi mercado un soar no lugar de Guillufe. Mentres non se construíu o edificio a escola é recolocada en 1926 nunha propiedade alugada.
No financiamento da construción do edificio escolar tamén colaboraron un grupo de veciños da parroquia residentes en Sevilla, que achegaron 227 pesetas.
Unha vez rematada a planta baixa, instálanse nesta as aulas e comeza o curso escolar, en setembro de 1927. Uns meses máis tarde, rematan todas as obras e o edificio é inaugurado en 1928. En outubro de 1929, créase unha biblioteca escolar, con compra e envíos de libros dende América.
Posta xa a escola en funcionamento, a delegación de Morgadáns centrará os seus esforzos na construción dunha casa de socorro para a parroquia.
En 1934, debido a graves problemas económicos, cédenlle o edificio á Entidade Menor de Morgadáns, que se ocuparía do seu mantemento.
A partir dos anos 40 cambian os fins da entidade, que pasa a ser mutualista e recreativa: “a) protección mutua a todos os asociados e aos oriundos de Morgadanes que arriben ao Plata; b) creación en Montevideo e Buenos Aires de asilos para recoller os fillos de Morgadáns que polas súas condicións físicas e pecuniarias non poidan continuar sendo elementos de traballo; c) estreitar os vínculos de soliedaridade hispanoamericanos e patrocinar cantas iniciativas persigan esta finalidade; d) conservación do cemiterio civil construído en Morgadáns por los naturais desa localidade residentes no Plata".
Actualmente teñen unha sede social en propiedade na calle General San Martín, onde realizan numerosas actividades recreativas para os socios, que contan tamén cun centro recreativo “El Pinar”, cunha superficie de 4.500 m2 e unha amplia infraestrutura que inclúe parrilleros individuais e un salón para 400 personas.

Resultados 81 a 100 de 1806