Amosando 1807 resultados

Rexistro de autoridade

Federación de residentes de Teo en Sudamérica

  • AE-AR-FRTeo
  • Entidade colectiva
  • 1909-11-26. Non existe na actualidade.

Esta federación acolle ás sociedades de emigrantes naturais das parroquias de Luou, Calo, Cacheiras, Recesende e de Oza, todos eles residentes de Bos Aires. Defende posturas agraristas e a prol da instrución de Galicia, apoiando dende Arxentina, económica e moralmente, as actividades dos sindicatos agrarios da súa terra natal.
Entre os seus fundadores podemos destacar a José M. Iglesias, primeiro presidente social; Manuel Lueiro, Manuel Liñares, Avelino Sixto, José López e Jacinto Rodríguez, entre outros.
En 1911 editan o boletín oficial da entidade baixo o nome de "Teo"; nas seguintes décadas, tamén financiou as publicacións "El Eco de Teo", "Hércules" e "Unión de Teo y Vedra".

Federación de sociedades españolas de Buenos Aires

  • AE-AR-FSE
  • Entidade colectiva
  • 1962 ata a actualidade.

Esta entidade foi creada en 1962, ano no que concurriron varias efemérides hispanas en Bos Aires, (como a celebración duns xogos florais creados por Gerardo Diego e a participación do buque español "Canarias" nas celebracións do 150º aniversario da Revolución de Mayo), que exaltaron o ánimo patriota de numerosas sociedades de emigrantes españois residentes na Arxentina.
Integraron esta nova entidade as seguintes institucións: Centro Región Leonesa, Riojano Español, Numancia, Navarro, Astur Argentino, Madrid, Archipiélgao Canario, Ávila, Círculo de Aragón, Hogar Andaluz, Cangas de Narcea, Asturiano de Lanues, Instituto Argentino Hispánico, Villaviciosa y su concejo, Zamorano, Burgalés, Montañés, Hogar Asturiano, Salamanca, Maragato, El Micalet, Cruzados de Santiago Apóstol, Juventud Siero y Noreña, Asociación Laredana, Heraldo de Asturias y Agrupación Covadonga. Anos máis tarde se irán incorporando outros centros como o "Centro Galicia" ou o "Hogar Gallego para Ancianos", sendo na actualidade socios 57 sociedades españolas.
Un dos seus máis destacados presidentes e promotor da creación da Federación foi Donato Aumente Flórez.
Tivo un papel destacado na celebración na Arxentina do Vº Centenario do descubrimento de América en 1992.

Federación de sociedades gallegas de la república Argentina

  • AE-AR-FSG
  • Entidade colectiva
  • 1921 ata a actualidade.

Esta Federación foi creada no ano 1921, pero en 1929 un grupo de sociedades descontentas coa actuación política seguida nese momento abandonan a entidade, e aparecen dúas novas sociedades que se denominarán "Federación de Sociedades Gallegas en la República Argentina" e "Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales". En outubro de 1936, estas dúas sociedades volven a fusionarse baixo o nome de "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina".
En novembro de 1936, tras a fusión integran esta federación as seguintes sociedades galegas:
"Unión del Partido de Lalín", "Residentes del Partido de Riobarba", "Cultural del Partido de Negreira", "El Despertar de Palas de Rey", "Cultural El Pino", "Sociedad del Ayuntamiento de Castroverde", "Unión Comunal de Pol", "Mutualista y Cultural de Rianjo", "Unión Comunal de Catoira", "Mutualista y Cultural de Rairiz de Veiga", "Hijos del Ayuntamiento de Gomesende", "Unión Parroquias Unidas del Distrito de Porriño", "Hijos de San Salvador de Budiño", "Agraria y Oficios varios de Moraña", "Hijos de Prevediños", "Comité Puenteareano", "Sociedad Cultural y Agraria de Poyo", "Hijos de Silleda", "Centro Protección Agraria del Distrito de Salceda", "Hijos del Ayuntamiento de Meaño", "Unión Provincial Orensana", "Pro-Escuelas de Bandeira", "Unión Agraria y Cultural del Ayuntamiento de Palas de Rey", "Hijos del Ayuntamiento de Santa Comba", "Centro Guitiriz Villa de Parga", "Asociación del Ayuntamiento de Meira", "Nativos del Ayuntamiento de Cambados", "P. y C. de los Residentes de Trazo", "Cultural Nogueira de Ramuín", "Sociedad de Cospeito", "Unión Estradense", "Unión Quiroguesa", "Pro-Escuelas Unidos de Sarria", "Hijos del Ayuntamiento de Poyo", "San Lorenzo Ayuntamientos Unidos de Barbadanes y Toen", "Hijos del Ayuntamiento de Boiro".
Dende a súa fundación realizaron sempre unha actividade de difusión da cultura e das tradicións galegas e unha permanente asistencia e atención a todos os problemas da emigración e pola súa tribuna pasaron destacadas figuras da colectividade galega, exiliados da Guerra Civil española e residentes arxentinos. Esta entidade foi unha firme defensora da República española e da autonomía de Galicia e aínda no ano 58, o seu secretario xeral, Antonio Alonso Pérez, asina unha declaración reafirmando a posición republicana e democrática da Federación que nese momento conta con 55 sociedades, con máis de 20.000 galegos/asociados residentes na Arxentina.
Entre os promotores da fusión e creación dunha única federación que englobase a todas as sociedades galegas podemos destacar personalidades como Antonio Alonso Pérez, Manuel Domínguez, Manuel Puente, Constantino Sa, Ramón Silva, etc. A súa directiva fundacional estaba integrada por: como presidente, Angel Martínez Castro; tesoureiro, Ramón Villaverde; vogais: Venancio Oubiña, José Barreiro, Bonifacio Botana, Anselmo Balladares, Juan González, Domingo Zondón e Antonio Fernández
No ano 1939 organizan un Comité de Axuda al Frente Popular Español, denominado "Central Gallega" a prol das víctimas da guerra civil española e en defensa da causa republicana.
Xa rematada a guerra, celebra un congreso en 1940, onde se aproba entre outros temas a creación da editorial "Galicia", promotora da publicación de numerosas obras en galego que non se podían editar na nosa comunidade durante o franquismo.
A Federación convértese no principal ámbito de actuación dos intelectuais exiliados e difusor do pensamento progresista español e galego. Actúan nas súas filas Alfonso Castelao, Arturo Cuadrado, Luis Seoane, Lorenzo Varela, Laxeiro, Ramón de Valenzuela Otero, María Victoria Villaverde e moitos máis. Manténse a publicación do seu xornal "Galicia".
A FSG apoiou a loita pola autonomía galega e por unha democratización da vida política en toda España. En canto á Arxentina, dedícase á defensa da situación dos emigrados, moitos dos cales viven nunha situación precaria, vítimas dos problemas económicos deste país.
Na actualidade organiza numerosas actividades recreativas e culturais: celebracións do aniversario fundacional, do Día das Letras Galegas, Día de Galicia, romarías conmemorativas de festas galegas, o nadal e o aninovo.
En 2005 foron un dos promotores da creación dun Museo da Emigración Galega.

Fundación Xeito Novo de cultura gallega

  • AE-AR-FuXN
  • Entidade colectiva
  • 1984-06-23 ata a actualidade

Esta sociedade cultural e artística foi creada por Diego Alvarez (primeiro presidente da etidade), Carlos Fernández, Carlos M. López e Juan Carlos Vila, destacados persoeiros na colectividade galega emigrada en Bos Aires.
Segundo os seus estatutos, os obxectivos fundacionais foron, ademais de servir de vínculo de unión entre os nativos das provincias galegas, investigar e difundir a cultura galega en todas as súas manifestacións; ditar cursos, conferencias, charlas, debates, congresos e seminarios en ámbitos específicos; coordinar obradoiros literarios, de pintura, escultura, teatro ou fotografía; organizar espectáculos musicais e de danza galega: mostras de pintura, escultura, fotografía, ou calquera outra expresión cultural que se relacione co pobo galego; xerar actividades de investigación da cultura galega, acordando bolsas de estudo para investigadores; editar libros, revistas, e publicacións, realizar programas de radio, cine ou televisión; fomentar e organizar servicios de turismo de carácter cultural, etc.
Entre as súas múltiples actividades culturais destaca a celebración do Día da Patria Galega, e do Día das Letras Galegas, cun concerto anual "Galicia Sempre" e con actuacións dos seus diferentes grupos artísticos: un grupo de bailes tradicionais, grupo de cantareiras, grupo de música tradicional e un grupo de música folk-celta.
Nos anos 90 publica como voceiro social a revista "Xa. Revista de Cultura Gallega ".

Grupo Nós de Bos Aires

  • AE-AR-GNos
  • Entidade colectiva
  • 1945 ata a actualidade.

Esta sociedade cultural e cun marcado carácter galeguista, foi fundada por destacados membros da colectividade galega asentada en Bos Aires como Manuel Puente, presidente fundacional, Valentín Fernández, Perfecto López, Valeriano Saco, Alfonso Fernández Prol, Daniel Calzado, José S. Rodríguez, Antonio Alvarez, José Reboreda, Santos Blanco, Antonio Baltar, Benito Cupeiro, Emilio Pita, Rodolfo Prada, Luis Guede, José Iglesias, Daniel Nogueira, Moisés Da Presa, Manuel Martínez Lamela, Eduardo Sánchez Millares, Jesús Varela Sánchez e Segundo Pampillón.
Os principios que deron orixe á súa fundación foron a defensa do acervo histórico, lingüístico, patriótico, social e autonómico de Galicia na Arxentina. Declaran que a única ideoloxía concreta é a prosperidade e benestar de Galicia e dos seus fillos.
Os postulados que proclaman en 1981 (ratificados en 1992) son: "1. defensa da lingua galega coa opción do bilingüismo en castelán; 2. propiciar o coñecemento profundo da realidade autonómica e colaborar na solución de todo o referente á súa problemática social, económica, política e cultural; 3. acción coordinada para influir nos órganos de poder de cara a promover solucións permanentes e de fondo no problema migratorio; 4. contribuir a espertar unha conciencia viva da ciudadanía galega e dun espírito activo, crítico e de participación de todos os estamentos da estructura política, socioeconómica e cultural do país; 5. apoiar ós que en Galicia, coa súa acción, cumpran con estes principios".
En 1996 comeza a editar o xornal "Correo de Galicia. Del "Grupo Nós" de Buenos Aires", voceiro da colectividade e desta entidade.

Hijos del ayuntamiento de Boiro

  • AE-AR-HABoi
  • Entidade colectiva
  • 1931-09-21 ata a actualidade

O 20 de setembro de 1931 os emigrantes naturais do concello de Boiro residentes en Arxentina fundan unha entidade co nome de "Sociedad Hijos de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Boiro". Entre os fundadores destacan José Saavedra, presidente fundacional, José Sánchez, José López, Francisco Piñeiro, Benigno Sánchez, José R. González, Juan Lorenzo, Joaquín Quintana, Manuel Castizo, Francisco Filgueira, Ramón Cespón e Benigno del Río.
Dende a súa creación a entidade manda doazóns de cartos para construír unha escola, que finalmente se inagurou na parroquia do Saltiño e que manterán durante uns anos. No seu labor de difusión da educación e a cultura, en marzo de 1936 da a coñecer o proxecto de crear unha biblioteca circulante para achegar a lectura a todos os veciños do seu concello natal; os socios aproban tamén a creación dun fondo exclusivo para a compra de material escolar e libros de estudo para os fillos dos asociados.
Un dos seus principais obxectivos foi manter unha sociedade democrática e republicana que loitase pola unión de todos os galegos en Arxentina. Dende os seus inicios estivo adherida á Federación de sociedades gallegas de la república Argentina, destacando na súa contribución ás axudas á República durante a guerra civil. No ano 37, organiza un gran acto no mes de xuño en homenaxe a Basilio Alvarez, paisano seu e dous anos máis tarde crean o "Comité de Ayuda al Frente Popular Español", adherido á "Central Gallega" da Federación, para recadar fondos que enviar a España en axuda das vítimas da guerra civil. Xa rematada ésta, no ano 1942 organiza unha subscrición pro-axuda aos presos de Boiro e orfos de guerra deste concello. A comisión está integrada polos veciños residentes en Bos Aires: Ramón Rebollido, Juan Somoza, José Mª Tubío, José Ugía e Inocencio Lago.
En 1946, a entidade cambia de finalidades e declárase como unha sociedade recreativa, instrutiva, de auxilio mutuo e beneficencia. Entre os seus obxectivos destacan: "a acción recreativa e cultural: fomentar a unión de todos os residentes do concello de Boiro na república arxentina; difundir a cultura galega entre os emigrantes e os seus descendentes co fin de espertar o interese dos mesmos; manter vivos os costumes galegos; contribuír a mellorar a vellez dos nosos emigrantes que están a pasar necesidades".
Actualmente celebra diversas festas como a de aniversario, festa de San Ramón, celebración do Día de Galicia, etc. Tamén organiza actividades culturais con outras sociedades da colectividade: cursos de gaita, pandeireta, de danza, cursos de cerámica e cociña. Realiza ademais exposicións, concursos culturais e actividades deportivas: conta con dous equipos de fútbol e de voleibol.
Destaca tamén por unha "constante acción social atendendo as necesidades de galegos, especialmente os de Boiro, dando alimentos, remedios, asistencia médica, etc. Xestiona pensións e documentación de forma gratuíta aos necesitados e asesora aos seus socios sobre o tipo de axudas do goberno español e da Xunta".

Hijos del ayuntamiento de Carnota

  • AE-AR-HACar
  • Entidade colectiva
  • 1934-09-01 ata 1953, ano no que se integran en "Unión Muradana"

Esta sociedade, recreativa e mutualista, foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello de Carnota, residentes na Arxentina. Fernando Siaba, foi un dos seus fundadores.
Nos anos 40 edita como voceiro social a publicación "Vida Carnotana".
No ano 1953 integránse na "Unión Muradana", da que forman parte todas as sociedades de residentes do partido xudicial de Muros en Bos Aires.

Hijos del Ayuntamiento de Puerto del Son

  • AE-AR-HAPSon
  • Entidade colectiva
  • 1918-04-6 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada a partir das reunións da Sociedad recreativa "Juventud Unida del ayuntamiento del Puerto del Son". O 6 de abril de 1918 un grupo de sonenses, liderados por Juan Pérez (primeiro presidente social), Joaquín Santos e Rafael Enríquez, residentes en Avellaneda, coa intención de fundar unha institución destiñada a unir e protexer ás familias dos seus asociados.
Creouse para poder desenvolver actividades sociais, culturais, recreativas e deportivas.
No ano 1925 mercan coa súa homónima de Montevideo, un terreo para construir un edificio que funcionará como escola financiada pola entidade. Tamén teñen en proxecto construir un cimeterio na vila de Porto do Son cun custo aproximado de 25.000 pesetas.

Hijos del ayuntamiento de la Peroja y su distrito

  • AE-AR-HAPe
  • Entidade colectiva
  • 1919-12-28 ata 1940, ano no que se fusiona co "Centro Villamarín", constituíndo unha nova entidade baixo o nome de "Centro Villamarín - Perojano"

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello ourensán da Peroxa residentes en Bos Aires. Entre os seus fins destaca a fundación dunha escola laica na Peroxa "para que reciban democrática instrucción los hijos de nuestros hermanos", axudar na protección aos recén chegados e dar cobertura e axuda económica aos socios necesitados.
A súa directiva fundacional estaba constituída polos seguintes membros: presidente, Antonio Montouto; vicepresidente, Isabelino Varela; secretario, Delfín Vázquez; prosecretario, Francisco Rodríguez; tesoureiro, Camilo Moure; protesoureiro, Enrique Fernández; contador, Manuel R. López; subcontadores, Frnacisco Rodríguez e 6 vogais.
En 1922 organiza un gran festival artístico e un baile familiar a beneficio da esola laica que desexan fundar na Peroxa pero da que non temos noticias sobre a súa creación.
En 1928 mandan unha doazón de 1.000 pesos para a continuación dunha estrada no seu concello natal.
En 1940, os socios aproban en asemblea xeral a fusión deste centro co "Centro Villamarín", formando unha nova entidade chamada "Centro Villamarín-Perojano".

Hijos de Arantey y Centro Villamarín Perojano, mutual, cultural y recreativa

  • AE-AR-HAraVP
  • Entidade colectiva
  • 1990-06-13 ata a actualidade.

Esta sociedade é froito da fusión das sociedades "Hijos de Arantey en Buenos Aires", fundada en 1952, e o "Centro Villamarín Perojano", creado en 1940.
Esta sociedade ten obxectivos mutuais, culturais e recreativos. Una das súas finalidades, recollidas nos estatutos, é o desenvolvemento da cultura galega a través da divulgación das súas tradicións e o folclore.
A directiva fundacional estaba formada polos seguintes membros: presidente, Alfredo Carlos Peña; vicepresidente, José Díaz; secretario, José Fernández; prosecretario, Adelino Viloria; tesoureiro, Manuel González; protesoureiro, Jesús Alvarez; secretario de actas, Francisco Fontaiña e vogais: José Blanco, Angel Souto, Arturo Blanco e José Sestelo.
Organiza actividades culturais como a organización de cursos de gaita e percusión, cursos de computación, debuxo etc. e actividades recreativas coa celebración de festas de camaradería, as festas patronais de San Roque, ou o Día de Galicia.

Sociedad española de beneficencia y mutualidad, Hospital español de Mendoza

  • AE-AR-HEMen
  • Entidade colectiva
  • [1923] ata a actualidade.

En 1918 a "Sociedad española de socorros mutuos de Mendoza" defendeu a idea, ante a colectividade española residente na cidade, da necesidade de crear un hospital para atender a todos os emigrantes españois enfermos que residiran na zona.
Creouse entonces unha "Comisión pro-hospital" integrada polos presidentes y secretarios de todas as asociación españolas de Mendoza, e presidida por Rito Baquero, presidente da sociedade de socorros mutuos. Esta comisión foi o xerme da creación en 1923 da "Sociedad española de beneficencia y mutualidad" que tiña como finalidade prioritaria a construción do sanatorio.
Uns meses despois, Balbino Arizu, rico bodeguero español instalado alí, consegue, coa axuda doutros comerciantes españois a cantidade de 125.000 pesos destinados á construción do hospital. O Sr. Escorihuela, tamén bodegueiro español, doou o terreno onde se erixiu o centro médico.
A colectividade participou activamente na consecución dos fondos precisos e en 1939 foi inaugurado o Hospital español, que aínda hoxe segue funcionando como centro hospitalario e médico.

Asociación Hijos del Ayuntamiento de Maside

  • AE-AR-HMas
  • Entidade colectiva
  • 1915-05-16, na actualidade non existe pero non coñecemos a data da súa disolución

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello de Maside e residentes en Bos Aires. Un dos seus promotores e primeiro presidente foi Cándido Fernández. Foi creada con fins mutualistas e de axuda ao seu concello natal na medida das súas posibilidades.
Xa en 1924 os seus socios aprobaron a adquisición dun terreo en Maside co obxeto de que comenzasen os traballos para construír unha escola graduada; pero no ano seguinte, por problemas internos, aproban nunha asambleia a súa disolución e que os fondos sociais fosen doados ao seu concello natal para realizar melloras no seu pobo.
No ano 1928 aparece a noticia en varios xornais da refundación desta entidade e comézase a construción en Maside do primeiro pavillón-escola, financiado dende Arxentina.
En febreiro de 1934 fusiónase coa sociedade "Centro Cultural y Recreativo Masidense" e en outubro de 1935 nomea un delegado ante a "Comisión Pro-unión de los residentes del Partido de Carballino" para tratar unha posible fusión de todas as sociedades de emigrantes naturais deste partido xudicial, que fructificará en 1936 coa fundación dunha nova entidade co mesmo nome, integrada ademais pola "Sociedad del Distrito de Carballino", "Residentes de Lobanes y sus contornos" e o "Círculo Daconés".
Tras o estalido da guerra civil española, é unha das sociedades galegas que envían varias remesas de roupa e produtos alimentarios para os defensores da república española.
En 1959 publican a revista "Maside" como voceiro social.

Hijos centro cultural Neira de Jusá

  • AE-AR-HNei
  • Entidade colectiva
  • 1932 ata 1943, ano no que se integra no Centro Lucense de Bos Aires.

Esta asociación recreativa e cultural foi fundada en 1932 por un grupo de emigrantes galegos naturais do concello lucense de Baralla, que ata o ano 1970 tiña esta denominación. Desaparece en 1942 integrado no Centro Lucense de Bos Aires.

Hijos de Ois de ayuda mutua

  • AE-AR-HOis
  • Entidade colectiva
  • 1914-12-20. Actualmente está integrada na Asociación Casa Coirós

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes naturais da parroquia de Santa María de Ois, do concello de Coirós, que residían en Bos Aires.
En 1906 uníranse con outros conveciños para fundar a sociedade “Hijos del Ayuntamiento de Coirós residentes en Buenos Aires”.
Por disensións no funcionamento da entidade, o grupo de socios naturais da citada parroquia decide separarse e fundar unha nova, en decembro de 1914, coa finalidade principal de crear escolas na súa terra natal e a axuda mutua entre os socios.
Entre os seus fundadores podemos citar a Matías García, un dos principais promotores da sociedade, Antonio López, primeiro presidente da entidade, Antonio Rodríguez, José Santos Brañas, Manuel Pérez, Juan Pato Rodríguez, Benito Gen, Andrés Barral, Salvador González, Pedro Guerra, José Valiño, José Carro, Manuel Tomé, Ramón Carro, José Rivera Valiño, José Figueroa, Francisco Barrós, Domingo Pato e Juan María Rodríguez.
En 1920, fanlles un chamamento na prensa aos veciños de Ois para que colaboren na construción das dúas escolas de ensino primario que querían implantar alí, que desexaban que estivesen provistas do material pedagóxico máis moderno. Crean unha delegación na súa vila natal que se encargaría das xestións necesarias para levar a cabo o proxecto.
Teñen como lema social «la instrucción es la base de la familia, del bienestar y la felicidad».
En 1933, inauguran o edificio escolar no lugar de Fontelo. Este edificio será alugado ao concello e, cos cartos conseguidos, financian o seu mantemento.

Hijos del partido de Lalín en Buenos Aires

  • AE-AR-HPLa
  • Entidade colectiva
  • 1908-08-07 ata 1982-07-25, data na que se fusiona con outras entidades de emigrantes do Deza, formando o Centro Lalín

A orixe desta sociedade está no ano 1904, data na que os naturais do partido xudicial de Lalín, residentes en Arxentina, se uniron para construír un cemiterio na súa localidade natal; este cemiterio foi entregado máis tarde ao concello, xa que era o único que existía na zona con características modernas.
Desta agrupación de veciños é froito a sociedade "Hijos del Partido de Lalín", que naceu oficialmente o 7 de agosto de 1908, coa pretensión de cubrir outras necesidades que había no pobo. Para facer máis extensiva a súa actuación, a sociedade creou varias subcomisións no pobo de Avellaneda, en Villa Urquiza, e noutros países como Uruguai e Cuba, onde tamén existía unha ampla colonia de lalinenses e así unir esforzos.
A construción dun hospital-casa-asilo na vila de Lalín foi un proxecto moi ambicioso que rematou en fracaso pola escasa axuda que atoparon no propio Lalín. Dous anos máis tarde, reconverteron o edificio, construído pola sociedade, nunha escola e granxa agrícola experimental.

O 25 de xullo de 1982, e despois dunha vida societaria do máis intensa, vinculada aos problemas tanto da súa terra natal (entre outros, financia a construción dun monumento adicado á memoria do aviador Joaquín Loriga e tamén ao científico Ramón Aller; entrega de doazóns ás viúvas e aos seus fillos durante a guerra civil, etc.) como dos seus compatriotas emigrantes con menos posibles, deciden fusionarse coas sociedades de "Hijos de Silleda" (1908), "Unión del Partido de Lalín" (1921) e "Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos" (1930). Créase unha unha nova sociedade denominada "Centro Lalín de Buenos Aires" para aglutinar a todos os emigrantes da comarca do Deza e poder así sobrevivir ante as dificultades que se presentan na actualidade como a idade avanzada dos socios e a grave crise económica que se está a vivir na Arxentina.

Hijos del partido judicial de Noya

  • AE-AR-HPNoia
  • Entidade colectiva
  • 1931-05-10 ata 1986, ano no que se fusiona co "Centro del ayuntamiento de Rianxo", pasando a denominarse "Centro Noya - Rianxo"

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais do partido xudicial de Noia, residentes na Arxentina, cunha finalide instrutiva, cultural e recreativa
Entre os seus fundadores destacan Pedro Vilariño, primeiro presidente social, Avelino Blanco, Eduardo Sánchez, Manuel Patiño, Robustiano Cisneros, Juan Martínez, Manuel Agrelo, Juan Juanatey, Jesús Romarís, Domingo Fernández, Eduardo Rodríguez, Ventura García, José Vilariño, Antonio Seijas e Ramón Villanueva, entre outros.
En 1986 aproban a súa fusión co "Centro del Ayuntamiento de Rianxo", pasando a denominarse "Centro Noya - Rianxo".

Sociedad de Socorros Mutuos Hijos del Partido de Villalba

  • AE-AR-HVil
  • Entidade colectiva
  • 1914-06-06 ata 1918

Fúndase en 1914 co nome de SOCIEDAD DE SOCORROS MUTUOS HIJOS DEL PARTIDO DE VILLALBA. Muda de nome en asamblea xeral o ano 1918 por CENTRO VILLALBÉS.

Esta asociación de emigrantes galegos naturais do partido xudicial de Vilalba, residentes en Bos Aires foi fundada o 6 de xuño de 1914 coa finalidade de socorrer aos seus socios en caso de enfermidade ou por falta de traballo, axudando na súa repatriación. É tamén unha sociedade recreativa donde os seus socios se reunían para recordar a súa terra e as súas romarías.
Coa chegada da República en España se declaran partidarios do novo sistema político e en 1937 tras o estoupido da guerra civil organizan unha agrupación de axuda ao goberno
español, cos seguintes fins: "propender al apoyo moral y material del gobierno legítimo de España, que defiende la libertad y soberanía del pueblo contra la invasión de las hordas fascistas, que pretenden convertirlo en una colonia italo-germana" ("Galicia", nº 523).

Asociación Hijos de Zas

  • AE-AR-HZas
  • Entidade colectiva
  • 1923-02-01 ata a actualidade

Esta sociedade integrada polos emigrantes naturais do concello de Zas, residentes na Arxentina, foi creada con fins mutualistas, para dar axudas económicas aos máis necesitados ou asistencia médica e tamén manter a cultura galega.
A súa directiva fundacional estivo formada por Francisco Miranda, como presidente; vicepresidente, José Mourelle; secretario, Manuel Mouro; tesoureiro, Ovidio Esmorís; e como vogais: José Mª Mouro, Constantino Amigo, Ramón Moreira, José Blanco Silva, Francisco Ferreiro, Manuel Mourelle, José Espasandín, Alejandro Ríos, Francisco Rojo, Francisco Mallón, Manuel Espasandín e Francisco Pose.
Nos anos 50 cambia as súas prioridades e pasa a ser unha asociación con fins recreativos e culturais recollidos no Artigo 1 dos seus Estatutos: "a) Servir de vínculo entre los residentes de Zas en la Argentina; b) ser instrumento de sociabilidad y cultura entre todas las personas que compartan su obra; c) fomentar la beneficencia, de acuerdo con las posibilidades de la asociación; d) organizar actos recreativos, culturales y deportivos".
Conta con sede social propia na rúa Suárez da capital bonaerense, inaugurada en 1997, onde se reúnen todos os socios e veciños: contan con salón de festas, sala de reunión, buffet e biblioteca. Ademais dispón dun campo recreativo en Quilmes, onde celebra as súas festas e demáis actividades recreativas como bailes, banquetes, etc.

Hogar gallego para ancianos

  • AE-AR-HoGAn
  • Entidade colectiva
  • 1943-06-29 ata a actualidade.

En 1943 ante a noticia na prensa da morte dunha galega a causa do frío, por falta de recursos, un grupo de persoeiros da colectividade galega na Arxentina (como Jacobo André, Emilio André, Ramón Rey Baltar, Gumersindo Sánchez Guisande, Antonio Baltar, Luis Seoane, Miguel Salgués, Miguel Portela, Horacio Bermúdez, Manuel Roel, Arturo Cuadrado, Domingo Maza, Bernardo González Rey, Sergio Riveiro, Santiago González, Manuel Picón, Antonio Carballo e Francisco Blanco) decide crear unha asociación asistencial que se ocupase dos galegos maiores e desasistidos.
Segundo a acta fundacional: "En Buenos Aires a las quince hora del día veintinueve de junio de mil novecientos cuarenta y tres, (...) constitución de una Comisión provisional, que ha de dar normas para encauzar la idea de fundar un "Hogar Gallego para Ancianos".
Se consideraron las razones por las que resulta urgente la fundación de una institución de tal carácter, entre las que, se hizo patente el de evitar el triste cuadro diariamente repetido, de ver implorar la caridad pública a hombres y mujeres que, en la vida dura, en la lucha por la existencia el destino o la suerte, los sumergieron en la desesperanza, quedando vencidos por la vejez y la pobreza al borde del camino, sin hogar y sin amor (...). El Hogar Gallego será la residencia en la que se alberguen nuestros hermanos. Es nuestro propósito que sea alegre, tranquilo y acogedor, limpio y confortable: será la casa para los ancianos de hoy los ancianos de mañana. (...)".
Segundo os seus estatutos créase para proporcionar albergue digno ás persoas de ambos sexos que pola súa idade e estado físico non se atopen en condicións de facer fronte á vida sós; ademais de proporcionar aos beneficiarios aquelas distraccións que sexan compatibles co seu estado de saúde.
Cada ano publican unha revista social chamada "Hogar Gallego para Ancianos", que informa sobre a entidade; ademais edita anualmente unha Memoria-Balance sobre a marcha económica e social da entidade.
A maioría das sociedades galegas existentes na Arxentina organizan festivais benéficos para axudar no mantemento económico da entidade.
En 1994 recibiron a Medalla de Plata de Galicia concedida pola Xunta, polo seu gran labor en favor dos emigrantes galegos máis desfavorecidos.

Resultados 81 a 100 de 1807