Esta publicación societaria comezou a editarse en xullo de 1949 e rematou o 1 de abril de 1960. Foi unha publicación de tirada moi irregular con varios directores como Antonio do Campo de la Fuente, Ramón López Prado, Francisco Carballas Feijoo e Julio Vila Rodríguez. Foi publicada simultaneamente á «Vida Gallega» desde 1949 ata 1954, ano no que deixa de editarse esta última. Recolle información sobre temas e actividades da entidade promotora e sobre Galicia (cultura, lingua, historia, etc.) e cómpre sinalar a inclusión na mesma da memoria anual da sociedade, na que aparecen os balances financeiros, listados nominais das contribucións, informes sobre o labor social, as comisións, a distribución de axudas ou auxilios, acordos das xuntanzas xerais e directivas, composición da directiva, dos comités, cadro estatístico sobre a natureza dos socios (desagregados a nivel provincial, etc.). Na comisión do Panteón, dentro da memoria social, inclúe un listado nominal das persoas inhumadas no Panteón, ofrecendo o nome, idade, data de inhumación e a súa procedencia (cando son galegos identifican concello e provincia).
Entre os seus colaboradores podemos citar a José Rubinos, Prudencio Landín, Ramón Fernández Mato, José M. Valencia, Manuel González, Eduardo Núñez Martínez, Ramón Fernández Pousa, José Almoina Torres, Wenceslao Fernández Flórez, Enrique Chao Espina, Eladio Vázquez Ferro, Emilia Pardo Bazán, Asieumedre, José Luis Bugallal, Sousa Costa, Guerra Junqueiro, Alfonso Vázquez Martínez, Julio Dantas, Antonio do Campo ou Juan Naya Pérez.
Números conservados en formato papel:
1949: n. 1
1950: n. 3
1952: n. 5
1953: n. 6
1958: n. 14/15
1959: n. 16/17
1960: n. 18